Última hora

Adeus ao economista ourensán, xestor cultural e artista Miguel Muñiz

O escultor ourensán Miguel Muñiz./ Foto cedida.

 

O Teatro Real de Madrid facía pública hai uns días a noticia do falecemento do economista, xestor cultural e artista Miguel Muñiz de las Cuevas (Ourense, 1943-Madrid, 2022), quen fora o seu director entre os anos 2004 e 2012, etapa no que impulsaba o prestixio internacional desta institución.

Licenciado en Ciencias Económicas pola Complutense de Madrid, Miguel Muñiz foi profesor na Universidade Autónoma de Madrid e incorporouse á Administración Xeral do Estado para mediados dos anos 60. Contaba cunha destacada traxectoria en diversas institucións económicas estatais, como o Instituto de Crédito Oficial ou a secretaría xeral de Economía e Planificación no Ministerio de Economía.

Ademais destacou a súa xestión no eido cultural e artístico. “O meu contacto coa arte non tiña nada que ver cunha profesión, nin con exposicións, pero si tiven ocasión de promover o coleccionismo cando fun presidente dunha entidade bancaria, fundei un pequeno museo. Sempre me gustou a arte”, contaba nunha entrevista concedida ao Periódico O SIL no 2019.

Tras xubilarse, entraba de cheo no mundo da escultura. Compartía por vez primeira a súa obra co público na galería madrileña Ana Arambarri no 2012, despois viñan novas exposicións, algunhas delas na súa Galicia natal. “Gústame a riqueza da arte contemporánea e a súa xenerosidade, é moi atractiva porque un séntese tremendamente libre. Un ten ese momento de liberdade para facer o que sexa, incluso para dedicarse a expoñer esculturas tardiamente”, aseguraba Miguel Muñiz. Este ourensán, casado coa pianista Rosa Torres-Pardo e pai de dous fillos (Yago e Clara), falecía o pasado 10 de xaneiro en Madrid.

 

Artigos relacionados

Back to top button