OurenseÚltima horaVídeos

“Adico o Premio Ourensanía ás miñas orixes, aos meus pais e aos meus avós, que me ensinaron o significado da palabra ‘respecto”

Manuel Outumuro recibe este galardón “por unha traxectoria de primeiro nivel a nivel nacional e internacional, sendo un dos máis grandes da fotografía actual”

 

Na mañá deste venres 11 de novembro, o fotógrafo Manuel Outumuro recibía o Premio Ourensanía 2022 “por unha traxectoria profesional de primeiro nivel no ámbito nacional e internacional” no transcurso do tradicional e solemne acto que se celebra no Teatro Principal da cidade coincidindo coa festividade de San Martiño, patrón de Ourense, e que contou coa participación do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, así como coa presenza do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices. Todos eles acompañados por representantes dos ámbitos institucional, cultural, económico e social da provincia e do resto de Galicia, cunha importante asistencia de representantes da cultura, con referentes coma a actriz Marisa Paredes.

 

Chegando ao Teatro Principal de Ourense.

 

No seu discurso, Manuel Baltar sinalou que ninguén mellor que “Manuel Outumuro para simbolizar a esencia da Ourensanía. Un sentimento que o marcaría para sempre. Unha condición que levou consigo, desde Barcelona a Nova York, percorrendo latitudes de Europa e do planeta, atrás de imaxes que o levaran á foto ‘definitiva’. Ese seu longo e responsable proceso creativo, máxico e sorprendente, agromou na terra ourensá, retivo as paisaxes máis íntimas e os rostros das nosas xentes, honestas e traballadoras, espalladas polo mundo enteiro”.

O presidente da Deputación gabou a evolución profesional de Outumuro, “como corresponde a un artista da súa altura e categoría. Para iso estudou e desenvolveu as técnicas, profundou no oficio, reflexionou e tratou de lograr outra expresión dotando de luz interior á figura humana, ás cousas, á urbanidade e ó caos; transitando entre a forza do realismo e a sutileza da avangarda”.

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar.

 

Manuel Baltar recoñeceu a súa “inmensa satisfacción, como ourensán, como responsable do Goberno Provincial de Ourense e como amante e admirador da fotografía, terlle entregado o Premio Ourensanía 2022 a Manuel Outumuro, ourensán da Merca, considerado como un dos máis importantes expoñentes no mundo da imaxe, cuxa obra transcende as nosas fronteiras e acada unha ampla repercusión internacional”.

No seu discurso o presidente da Deputación lembrou os profundos vencellos de Outumuro coa súa terra: “O que nunca fixo -nin fará- ao longo de décadas de traballo ininterrompido foi esquecer as orixes. De aí o acerto, a emoción e a fondura deste recoñecemento. Non se trata, sabémolo ben, dun premio máis, entre os moitos e de grande prestixio que ten recibido e que seguirá acadando, como verdadeiro mestre que é. Este é un merecido agasallo a un neno dunha aldea ourensá; sufrido e soñador, sempre discreto, humilde e creativo”.

 

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda.

‘Os que coñecemos e amamos a Manuel Outumuro sabemos que sempre pon intelixencia no seu labor, xunto con oficio, gusto e sentimento. É perfeccionista e cálido, ordenado e creativo, procurando que ningunha desas virtudes se impoña á contraria. Por iso goza, goza con todos e cada un dos disparos da súa cámara. Así ata ó resultado final… A través de polaroids, contactos e probas de luz, revélanos o esmero e a dedicación cos que prepara as súas fotos. Os expertos quizais noten as diferenzas entre probas e resultados definitivos. Ós afeccionados marabíllanos o seu traballo e agradecemos que, entre os seus defectos, non figure a vaidade”.

No seu discurso de agradecemento, Manuel Outumuro comezou amosando a súa emoción e dando paso á proxección dunha serie de fotografías da súa autoría -“son un home máis de imaxe que de palabra”- para despois retrotaerse ás orixes: “As fotografías que acabamos de ver teñen glamur, pero eu veño de pisar esterco, merda de vaca. Todo o que vivín ata os dez anos na Merca condicionou a miña forma de mirar. Os meus pais foron ata os dez anos unha fotografía. Crecín con esa ausencia, símbolo da emigración. A cambio contei co amor dos meus avós”.

“A miña infancia na Merca foi a época máis feliz da miña vida. Crecín facendo figuras no barro. Descubrín na fonte á que levaba ás vacas a beber reflexos de diamante. Foi unha infancia chea de emocións, que te fai crecer cos pes na terra. Estamos feitos de dous elementos: barro e luz. Os fotógrafos infundimos luz, pero a mellor calidade dun fotógrafo é que esa luz non tape a propia do fotografado. É unha cuestión de respeto”.

 

 

Manuel Outumuro adicou o Premio Ourensanía “aos meus orixes, os meus pais e aos meus avós, que me ensinaron o significado da palabra ‘respecto’. Aos meus profesores, que me ensinaron os segredos do barro. Aos meus amigos e ao meu compañeiro, que día a día axúdanme a entender os segredos da luz. E a miña amiga Maribel Outeiriño, indispensable na recuperación ao afecto a esta terra despois do baleiro da emigración. Grazas a todos”.

O homenaxeado rematou a súa intervención dando paso a unha proxección de tres vídeos arredor de conceptos como a nostalxia, a ausencia, a emigración e o traballo diario. “Porque esto sigue, continuará”, destacou para avanzar a exposición proxectada para o 2023 no Centro Cultural Marcos Valcárcel, e na que as “miñas fotografías dialogarán con imaxes que falan do neno que sigue pisando terra e fascinado pola luz que a envolve”.

Pola súa banda, o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, sinalou o Premio Ourensanía como unha mostra da Galicia orgullosa que combina o arraigo coa apertura ao mundo global: “A Ourensanía é o xeito propio de sermos galegos, porque non implica illamento senón integración na realidade galega dun xeito peculiar”, recalcou despois de citar o “Manifesto da Ourensanía”, de Luis González Tosar.

Na súa intervención no acto de entrega do galardón, Alfonso Rueda indicou que se a Ourensanía “é un xeito propio de ser galego”, a galeguidade “é un xeito propio de ser español e europeo”, e puxo como exemplo o percorrido vital de moitos ourensáns que emigraron ou fixeron carreira fóra da súa terra sen perder nunca “o orgullo” polas súas raíces: “O Xacobeo, por exemplo, traduce ese orgullo galego nunha efeméride compartida con peregrinos de todo o mundo”.

 

 

Para Alfonso Rueda, Manuel Outumuro “é un expoñente dese equilibrio máxico que os galegos conseguimos entre o global e o local”.

O acto de entrega do Premio Ourensanía 2022 principiou cunha recepción oficial no Pazo Provincial, ao que seguiu o tradicional percorrido a pe do premiado e os presidentes provincial, autonómico e do Parlamento galego ata o Teatro Principal, acompañados pola Real Banda de Gaitas. O galardoado recibiu unha figura de bronce, obra do escultor Xosé Cid, e unha copia da acta do xurado. A gala incluíu a proxección de vídeos sobre a traxectoria persoal e profesional do premiado e de Ourense e os seus recursos e proxectos dinamizadores como o do Gran Hotel Balneario Auria.

No apartado musical, Carlos Núñez pezas baseadas nas cantigas de Alfonso X O Sabio xunto a temas coma “Alborada da Veiga” ou a “Muiñeira de Chantada” como proba, recalcou, da “modernidade na que sempre soubo situarse Galicia”. Para rematar a gala, chegou a interpretación a cargo da Coral de Ruada de “Ourense ao lonxe” e “Ourense no solpor”, himno oficial da provincia de Ourense.

 

 

Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button