OurenseÚltima hora

Adif habilitará dúas vías en ancho estándar na estación de Ourense para o AVE

A compañía ven de facer público no BOE o proceso sobre a relación dos bens afectados cuxa expropiación é necesaria para facer estas obras de remodelación
Maqueta do proxecto de Normal Foster.

Adif Alta Velocidade vén de publicar no Boletín Oficial do Estado (BOE) a apertura do proceso de información pública sobre a relación dos bens afectados cuxa expropiación é necesaria para executar as obras de remodelación da Estación de Ourense.

Este proxecto supón un investimento estimado, segundo informan dende Adif, de 1,7 millóns de euros e ten un prazo de execución de 12 meses. En si, está centrado nunha serie de actuacións en vías e plataformas , así como traballos de electrificación e instalacións de seguridade e comunicacións.

Fontes de Adif comunicaron que o obxecto destas obras é “habilitar dúas vías -do lado de Zamora-, en ancho estándar, que posibiliten a chegada da alta velocidade, ademais de liberar o uso ferroviario dos termos previstos para a construción no lado de Vigo -oeste- dunha nova estación de autobuses que será financiada pola Xunta de Galicia”.

Para executar estas obras, van cortar, cando se requira, as vías 1, 3, 5 e 7 e parte da plataforma 1, actualmente en servizo para a parada de trens de viaxeiros. A actuación tamén inclúe a ampliación das plataformas 2 e 3 da actual estación e a conexión entre as vías 2 e 4 mediante unha travesía “que permitirá enlazalas nun espazo reducido, para manter a capacidade actual da explotación ferroviaria”, dixeron dende Adif.

Está previsto que todas as actuacións se realicen mantendo o tráfico actual, tanto viaxeiros como mercadorías, de modo que as circulacións ferroviarias non se vexan afectadas.

Artigos relacionados

Back to top button