Veñen de adxudicarse as obras para a preinstalación de alumeado público na estrada autonómica OU-602, coincidente coa avenida Barreais, no concello da Rúa. Trátase de dotar de preinstalación de iluminación preto de 1 quilómetros desta vía autonómica, entre os puntos quilométricos 0+650 e 1+570, coincidente co tramo situado na marxe esquerda desde a intersección da OU-602 coa estrada OU-933 e o Camiño Viña da Santa. O obxectivo é contribuír á mellora da seguridade viaria das persoas que transiten polas marxes desta vía ao seu paso polo municipio, segundo informa a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade. As obras foron adxudicadas á empresa Construcciones Galasur S. L. por preto de 50.000 euros e comezarán nas vindeiras semanas.
A avenida Barreais atravesa nun primeiro treito unha zona industrial con amplas marxes a ambos os dous lados, e o segundo treito conta con cuneta tendida nunha das marxes e sobreancho de formigón que conforma a beiravía pola outra marxe. Para executar a nova canalización de iluminación nesta zona da OU-602, as obras obxecto deste contrato realizaranse aproveitando os sobreanchos da zona industrial e, no segundo treito, disprase a canalización no exterior da plataforma xunto á cuneta existente.
Segundo o proxecto deseñado polo departamento de Infraestruturas da Xunta, a canalización eléctrica desenvolverase a través dun tubo de polietileno de 90 mm de diámetro, soterrado en gabia recheada con chan seleccionado de préstamo.
Para a execución da gabia e o tendido da tubaxe, demoleranse os tramos onde actualmente existe un pavimento de formigón, bandas laterais en zona industrial, que unha completado o recheo será reposto con formigón. Na intervención, disporanse tamén arquetas prefabricadas de formigón de dimensións 40x40x40 centímetros nos cruces e quebros da canalización. A preinstalación de iluminación completarase coa instalación de 22 postes de iluminación, de aceiro galvanizado, de 9 metros de altura, coa súa correspondente cimentación.
Ademais, a nova canalización conectará ao comezo e ao final con postes existentes de iluminación pública onde se dispoñen tubos de paso aéreo-subterráneo. A previsión é que, unha vez estean rematados estes traballos, o Concello complete a actuación instalando as luminarias nos postes que se dispoñen no marco desta intervención.
A obras desenvolveranse dentro da banda de dominio público da OU-602, polo que non precisa de expropiacións.
Mapa da zona da actuación: