Na mañá deste xoves 27 de febreiro o director de Abanca no Barco de Valdeorras, José Vicente García, entregaba un importante lote de libros de parte de Afundación, á biblioteca Mª Teresa de Vega Giménez “Patere” que o IEV ten no segundo andar da Casa Grande de Viloira.
Entre outros moitos, a doazón inclúe “auténticas xoias bibliográficas, que quedarán a disposición de todos os valdeorreses, sexan investigadores, historiadores ou estudantes que realizan os seus traballos Bacharelato ou Fin de Carreira”, asegura o presidenre do Instituto, Aurelio Blanco Trincado.

O directivo e responsable da biblioteca, Julio Pérez Veiga, pola súa banda asegura que os libros, tanto no formato coma no contido (algúns aínda non foron abertos) “son dunha grandísima calidade”, recoñecendo que “é un orgullo que os teñamos aquí”.
Pérez Veiga aseguroulle a director de Abanca que eles son depositarios desta donación. “Estes libros están ao servizo da xente de toda a comarca de Valdeorras e incluso de fóra. De feito calculamos que no último ano unhas 15 persoas viñeron aquí a preparar traballos”, dixo, lembrando que no IEV hai un depósito bastante interesante, tanto propio como doutros ámbitos, que están tratando de ordenar e poñer a funcionar.

O IEV recibe pero tamén doa. “Calculamos que nos últimos vinte anos ou incluso menos, saíron do Instituto uns 2.000 volumes de produción propia para entidades culturais e privadas. Aquí reside gran parte da cultura valdeorresa tanto en arquivos como en libros”, dixo.

Fotos: Carlos G. Hervella.



