OurenseÚltima hora

“Agua, Dioses y Ciudad”, cinco anos de escavacións arqueolóxicas nas Burgas

Este volume, realizado polos investigadores Jose Mª Eguileta e Celso Rodríguez, vén de presentarse no Centro Cultural da Deputación de Ourense
O arqueólogo José María Eguileta, xunto a Manuel Baltar e ao tamén investigador Celso Rodríguez, na presentación do libro./ Foto: Carlos G. Hervella.

Constitúe unha das pezas dunha “ampla investigación que está en curso” e senta “as bases sobre a auga e sobre o nacemento de Ourense, e por primeira vez, cunhas cronoloxías do século I d.C., aglutinando tódolos matices desde a fundación da cidade ata os nosos días”. Con estas palabras referíase Celso Rodríguez Cao a “AQVA DIVI VRBS. Agua, Dioses y Ciudad. Excavaciones arqueológicas en As Burgas (2005-2010)”, un libro do que é co-autor xunto a Jose Mª Eguileta, e que se presentaba na mañá do 19 de marzo no Centro Cultural da Deputación de Ourense.

Esta obra, de máis de 200 páxinas, é un compendio de nove colaboracións, tal e como explicaba ao seu carón José María Eguileta, e pretende achegar un coñecemento multidisciplinar das Burgas a través de diferentes expertos. “As Burgas son augas sagradas nas que mora un deus, instalacións de tipo termal, hixiénico e relixioso, pero isto había que arroupalo tamén e darlle un contido máis amplo”.

No libro pártese da caracterización hidroxeolóxica e xeotérmica da área termal das Burgas (da man de Pedro Araújo, José Ángel Cid e Isabel Delgado), para despois afondar no nacemento de Ourense dentro do proceso de romanización do noroeste peninsular (Roberto Yebra Crespo), nas dedicacións a Revve Anabaraego no marco da relixión romana provincial de época altoimperial (Mª Cruz González) e logo céntrase nas Burgas de Ourense e no seu contexto histórico-arqueolóxico (Celso Rodríguez Cao e Luis Cordeiro Maañón) e nas Burgas no marco da cidade galaicorromana (José María Eguileta).

 

Portada deste libro, editado pola Deputación de Ourense.

Nos seguintes capítulos abórdanse aspectos como o rexistro documental infográfico do material da Casa dos Fornos (Alicia Colmenero), a posta en valor dos restos arqueolóxicos das Burgas (Miguel Ángel López, Luis Francisco López e Yolanda Álvarez) e o Centro de Interpretación das Burgas (Manuel Jorreto e Pablo Falcón). O derradeiro capítulo está adicado á cidade e ás Burgas “fontes termais na historia do urbanismo” (Elvira Carregado Pazos).

Ao acto de presentación asistía tamén Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense, entidade que editou o libro. Baltar destacaba que esta obra é “un traballo que encaixa á perfección coa nosa condición de provincia termal e que se centra no símbolo do termalismo na nosa capital”. Ademais aseguraba que se trata dunha obra “de lectura obrigada para os que cremos en Ourense e que vai directa ao corazón do noso termalismo e da nosa historia”.

Artigos relacionados

Back to top button