Unha conexión por autovía entre Macedo de Cavaleiros (Portugal), subindo pola zona de Vinhais e entrando en España para enlazar dende a A-52 coa estación do AVE da Gudiña. É a petición que facían de forma conxunta alcaldes do sueste da provincia de Ourense (A Gudiña, Viana do Bolo, Vilariño de Conso, A Mezquita, Monterrei, Oímbra, Riós…), da zona de Tras-os-Monte (agás o de Bragança), a Xunta de Galicia (representada polo seu vicepresidente e pola conselleira de Infraestruturas) e a Deputación de Ourense nun acto institucional que tiña lugar no mediodía deste 14 de outubro na Casa da Viúva na Gudiña.
“Entendemos que A Gudiña ten que ser a porta efectiva de Galicia, estamos falando de vertebrar unha rexión que vai dende a zona do Barco e Ponferrada, ata parte norte de Portugal, e que comprende unhas 400.000-500.000 persoas que van ter na Gudiña a súa estación de entrada á alta velocidade. Iso vai facer que tamén se vertebre o territorio e que se atraian investimentos tanto industriais como loxísticos para esta zona”, aseguraba o alcalde da Gudiña, José María Lago.
“Esta é unha conexión fundamental para a rexión norte de Portugal co AVE e coa A-52 e tamén para o resto de Galicia. Hai moitas razóns para conseguir que esta conexión sexa no futuro unha realidade. Para Vinhais esta conexión vai ser estratéxica e entre todos temos que facer que sexa posible”, sinalaba o presidente da Cámara de Vinhais, Luís dos Santos Fernandes.
De maneira moi semellante se manifestaba o presidente da Cámara Municipal de Miranda do Douro, Artur Nunes, quen subliñaba a importancia desta xuntanza para reivindicar esta conexión internacional. “Xa non hai fronteiras, o contexto fronteirizo xa non existe, o que si existe é a necesidade efectiva de conectar dous países e falamos ademais da fronteira máis antiga de Europa. Esta conexión pode ter un valor engadido para Portugal e España. Nós estamos preocupados polo despoboamente e polas conexións transfronteirizas, por iso queremos reivindicar esta conexión, que é prioritaria para nós, para desenvolver Tras-os-Montes e Galicia”.
Á Xunta de Galicia súmase a “esta alianza”, tal e como dicía a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, destacando a rendabilidade e proveito “desta conexión internacional que debería facerse entre 2020 e 2030, con 50 km en Portugal e 7 km en Galicia. É unha reivindicación que faremos ante o Ministerio de Fomento porque é unha necesidade para ambos territorios e que fará que A Gudiña sexa a verdadeira porta de entrada a Galicia”.
“Este é un proxecto que cremos que ten que saír adiante. Todas as grandes infraestruturas empezaron por unha decisión política. Estamos no comezo do camiño”, engadía o vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda. Neste encontro de traballo tamén se acordou que o goberno galego dará traslado desta demanda á Comisión Hispano-Lusa para a Cooperación Transfronteiriza.
Ademais, tanto Ethel Vázquez como Alfonso Rueda, reiteraban que o Ministerio de Fomento debe cumprir os prazos para que a conexión do AVE a Madrid “estea en probas antes de finais deste ano e funcionando con todas as garantías de seguridade no 2020”.
No acto tamén se contaba coa asistencia do vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández, quen resaltaba o valor de “aproveitar a sinerxía da chegada da alta velocidade para comunicarnos mellor cos nosos irmáns portugueses. Temos que aproveitar esta oportunidade”.
Fotos: Carlos G. Hervella.