Coa entrega de diplomas, carta FIFA, inchábeis e unha xornada mais lúdica pero con moita esencia atlética, o Campus do Atlético de Madrid poñía o broche a esta edición en Viana do Bolo. Unha edición na que dende o 2 e ata o 7 de aosto, preto de 60 cativos viviron de primeira man como vive un atlético.
Foi unha semana intensa, de madrugóns e fortes medidas sanitarias, de adestramentos, de compartir, de aprender, de desfrutar, de descubrir, de técnica e de táctica, unha experiencia que os participantes non esquecerán e que todos os implicados valoran de forma moi positiva.
Polo menos así o transmite o coordidador do campus, Álvaro Calvelo, asegurando que cada día vía marchar aos nenos cansados pero moi contentos. Tamén os pais amosaban a súa complacencia por ter a oportunidade de levar aos nenos a esta experiencia e incluso os veciños do pobo. “Notamos á xente contenta de ter o campus en Viana”, asegura Álvaro, recoñecendo o bo estado do campo de fútbol as Carrelas que “depois dunha semana de tralla segue perfecto”, di, agradecido a todos os o que fixeron posible, dende os nenos ata os pais e mesmo o Concello de Viana.