O Instituto da Lingua Galega (ILG) incorporará léxico da contorna de Trives ao corpus do Tesouro da lingua galega e portuguesa. Así veñen de adiantar dende o IES Xermán Ancochea Quevedo da Pobra de Trives cuxo alumnado levou a cabo un importante traballo de compilación de léxico patrimonial da contorna, facendo recollida de palabras en risco de desaparición.
“Desde o Departamento de Lingua e Literatura Galegas indican que o obxectivo principal perseguido foi que o alumnado coñecera e indagara sobre o léxico patrimonial da contorna inmediata do centro, nomeadamente dos concellos de Manzaneda, Castro Caldelas, San Xoán de Río, Chandrexa de Queixa e A Pobra de Trives, promovendo así o uso da lingua galega e fomentando a inmersión do alumnado na sociedade e no diálogo coa veciñanza”, aseguran dende o centro trivés, destacando que con esta actividade “pretendíase tamén que a mocidade coñecese, valorase e respectase o patrimonio lingüístico e cultural de Galiza e, particularmente, da súa comarca”.
O froito deste traballo, unha base de datoos con case 200 palabras, pode consultarse na seguinte ligazón (https://docs.google.com/spreadsheets/d/1KfOnkWuDYc49NkTfEqk5sMeqMmW2rbfseHghKFGdWQw/edit?usp=sharing).