Moita bicicleta se vía na mañá deste venres 14 de xuño polas rúas do Barco de Valdeorras. Dende dous puntos diferentes saían grupos de escolares que participan en senllas actividades deportivas. Dende Viloira, a comunidade educativa do CEIP Otero Pedrayo de Viloira celebraba unha bicicletada, e dende o outro extremo da vila, os alumnos da ESO do Colexio Plurilingüe Divina Pastora realizaban unha saída por diferentes puntos de Valdeorras.
A actividade estivo organizada dende o departamento de Educación Física do centro e contou coa colaboración da Garda Civil de Tráfico que acompañou aos estudantes pola contorna da comarca, dende o colexio ata Petín, pasando por lugares como O Salgueiral, Arnado ou a Ponte da Cigarrosa.
Xa de regreso ao Barco, en torno ao mediodía, os rapaces percorrían a rúa central da vila, coa colaboración da Policía Local ata o colexio onde remataba a saída.
Fotos: A.R. e cedidas