Alumnado de tecnoloxía industrial de 2ª de Bacharelato do IES Lauro Olmo de O Barco desenvolveu, coordinado polo profesor da materia Alberto Vega, as súas habilidades STEM nun proxecto de robots segueliñas, “dende a fase de deseño de modelos de pistas con software CAD ata a montaxe final das mesmas, reciclando biombos de metacrilato utilizados no centro durante a Covid”, explican dende o centro.
Os estudantes realizaron ademais a ensamblaxe de diferentes modelos de robot, a programación de algoritmos segueliñas de certa complexidade, así como o seu testeado e optimización, traballando sobre os máis de vinte circuítos deseñados, nunha actividade práctica realizada en colaboración co club de ciencias do centro.
O proxecto, ademais de adestrar as habilidades STEM do alumnado e permitir a reutilización dos biombos, “permitirá crear un repositorio de modelos de pistas estandarizados, imprimibles en formato A4 e recortables, para deseñar calquera circuíto que poidamos imaxinar. Permitiranos asemade realizar futuras actividades prácticas de robótica en colaboración co club de ciencias”, destacan orgullosos dende de o departamento de tecnoloxía do instituto barquense.
Fotos e vídeo cedidos.