CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

Alumnos do CEIP Plurilingüe Julio Gurriarán do Barco, entre os galardoados no X Premio Estatuto de Autonomía de Galicia

A entrega de distincións deste certame, co que a Deputación de Ourense conmemora o Estatuto, tiña lugar esta mañá na capital da provincia

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, presidiu esta mañá no Teatro Principal a entrega de distincións do X Premio Estatuto de Autonomía de Galicia, cando se cumpren 42 anos da aprobación da norma básica institucional -a lei orgánica 1/1981 do 6 de abril-. Con este certame a institución provincial conmemora o Estatuto de Autonomía e difunde o seu significado entre os escolares. Nesta edición, baixo o lema “Galicia, catro provincias”, o xurado seleccionou a 40 rapaces entre máis de 300 participantes de centros públicos e privados da provincia nas categorías de debuxo e redacción.

No seu discurso, o presidente do goberno provincial agradeceu o traballo colaborativo dos colexios participantes neste certame para “seguir afondando na importancia do Estatuto de Autonomía para Galicia, unha ferramenta fundamental no noso desenvolvemento”. Así mesmo resaltaba que “a Deputación de Ourense é a única institución galega que celebra ano tras ano esta norma”, indicando ademais que “xa foi este goberno provincial, en colaboración co Goberno Civil e a Delegación do Goberno, quen publicou os decretos que hoxe é o dereito autonómico. Nós seguimos esta estela, por décimo ano consecutivo”. O presidente da Deputación quixo recoñecer “a creatividade dos participantes”.

Pola súa banda, o presidente do Parlamento de Galicia, o tamén ourensán Miguel Santalices remarcou a importancia de ser a “única provincia galega que celebra a través dun acto oficial este Estatuto, un traballo de moita xente, ao que lle debemos moito”. O presidente do Parlamento de Galicia puxo en valor a repercusión dunha ferramenta “grazas a que nós decidimos cousas tan vitais como onde ten que ir un hospital ou un colexio. Porque ninguén coñece mellor Galicia que os galegos. Esta é a grandeza do Estatuto”.

Manuel Baltar entregou os premios aos rapaces, xunto a Miguel Santalices; o delegado da Xunta de Galicia en Ourense, Gabriel Alén; o vicepresidente segundo da Deputación, César Fernández, e a deputada Patricia Torres. Os corenta alumnos premiados pertencen aos centros Colexio Plurilingüe Divina Pastora – Franciscanas, CPR Plurilingüe Sagrado Corazón O Carballiño, CPR Plurilingüe Miraflores, CPR Concepción Arenal, CPR Plurilingüe Padre Feijóo – Zorelle, CPR Plurilingüe La Purísima e CEIP Plurilingüe Julio Gurriarán do Barco Valdeorras.

O acto contou coas intervencións musicais do Coro Xuvenil Cantiga de Ourense -que interpretou o Himno de Ourense e o Himno de Galicia- e a actuación de Patruyasos.

O xurado estivo conformado polo vicepresidente segundo, César Fernández; a deputada Patricia Torres; Armando Ojea, José Ignacio Gómez e o asesor de Cultura da Deputación, Aurelio Gómez Villar, que actuou de secretario con voz pero sen voto. Todos eles estiveron presentes na entrega de premios xunto a outros membros da corporación provincial, profesores e directivos dos centros participantes e representantes da vida social ourensá.

Do mesmo xeito que en edicións anteriores, puideron participar neste certame estudantes de Infantil, Primaria, Educación Especial e Ensino Secundario Obrigatorio, así como de Bacharelato e ciclo medio de FP, de centros de ensino en xeral -tanto públicos como concertados ou privados- da provincia de Ourense. As modalidades do concurso foron dúas; o alumnado de Educación Infantil, Primaria e Educación Especial presentaron debuxos e traballos artísticos; mentres que o resto concursaron cunha redacción en galego sobre o Estatuto.

Artigos relacionados

Back to top button