Trala entrega no Colexio de Rubiá do premio ao traballo gañador do Concurso Exposición Letras Galegas 2022 na modalidade de Educación Infantil e Primaria, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, desprazábase ata o IES Cosme López Rodríguez da Rúa, para presentar a exposición de carteis e guía didáctica sobre o autor homenaxeado no 17 de maio dirixida a centros de Educación Secundaria, FP e outras ensinanzas.
Ao acto asistiron tamén a xefa territorial de Ourense, Judith Fernández Novoa; a directora do IES, Mª Rosario Alonso Casas; os autores da guía, Débora Álvarez Moldes e Xulio Pérez Veiga; e o autor da biografía sobre Florencio Delgado Gurriarán, Ricardo Gurriarán; ademais das fillas do homenaxeado, do presidente do IEV Aurelio Blanco Trincado e da concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta, entre outros.
Sobre a guía didáctica, a coautora do traballo Débora Álvarez asegurou que foi realizada dende a perspectiva de docente e de dinamizadora literaria “para que resultase atractivo para o alumnado”, dixo, esperando que sexa “un primeiro chanzo para achegarvos a Florencio e que o leades”. Pola súa banda Xulio Pérez destacou que está feito dende un sentido “poliédrico” para dar a coñecer o aspecto máis literario e persoal do poeta valdeorrés.
Durante o acto, o alumnado de 2º de Bacharelato recitou poemas sobre o homenaxeado e tamén de creación propia, e o público asistente visitou a exposición onde, ademais dos carteis das Letras Galegas, puido contemplar un lenzo coa caracterización de Gurriarán que foi realizado polo alumnado.
Tamén o alumnado era o encargado de pechar o acto, interpretando no patio do instituto unha versión realizada pola profesora de Música, de Terra o tema co que Tanxugueiras representou a Galicia no Benidorm Fest. Trátase dunha versión libre interpretada por instrumentos tradicionais: bombos de folión, pandeiretas, tamboril, gaitas e pandeiros, no que levaban semanas traballando.
Tal como avanzaron na presentación, tanto a exposición como a guía didáctica, así como regras, marcadores de libros e outros materiais, están dispoñibles no Portal da Lingua Galega e en todos os centros galegos da ESO e tamén en todos os centros galegos de España e do exterior.
Fotos: Carlos G. Hervella.
Vídeo: Mónica G. Bellver.