O alumnado de 1º e 2º da ESO do IES Lauro Olmo de O Barco de Valdeorras reciben a visita de dúas activistas hondureñas que loitan contra a desigualdade de xénero e os abusos ambientáis no seu país e están estes días en Galicia.
“En Honduras o 43,5% das mulleres adultas non acceden a ingresos, situación que aínda se ve máis agravada nas mulleres indíxenas, afrodescendentes, e mulleres que habitan en zonas rurais, onde hai maiores índices de pobreza, menor presenza estatal, maiores niveis de analfabetismo e conservadurismo social. As fendas de xénero constitúen unha das formas de desigualdade máis enraizadas na sociedade hondureña e un dos principais obstáculos para o desenvolvemento social e democrático do país”, aseguran dende a ONG Anaresco, que están a levar a cabo o proxecto educativo Activistas Polo Mundo Que Queremos no que o alumnado barquense participa dende comezos de curso, e ten por obxectivo que “as mozas e os mozos galegos coñezan a loita destas mulleres de primeira man, se inspiren na súa forma de intervir na súa realidade a través do activismo, e tamén reflexionen sobre as desigualdades norte-sur”.

As activistas son Eunice Esther Núñez Escoto, artista plástica con enfoque na transformación social, especializada na promoción e defensa dos dereitos das mulleres, poboacións sexo-xénero disidentes e dereitos culturais; e Francis Delfina Bautista Bejarano, muller indíxena lenca, facilitadora de procesos de formación sobre os dereitos das mulleres e de incidencia política, que tamén acompaña a mulleres vítimas de violencias.
Ambas forman parte do Centro de Derechos de Mujeres (CDM), unha institución que nos seus máis de 30 anos de historia considérase un referente do feminismo no país e ademais de acudir ao centro educativo barquense na mañá deste mércores 9 de abril con obradoiros en dúas sesións; mañá día 10, as activistas reuniranse co alcalde de O Barco, Alfredo García; terán un segundo obradoiro no instituto; e xa pola tarde impartirán unha charla aberta en Ourense.

Tal como explican dende a ONG, en obradoiros anteriores o alumnado aprendeu o que significa ser unha persoa activista tanto en Galicia coma noutras partes do mundo. “Tamén reflexionaron sobre como as ferramentas comunicativas como a radio pódenlles axudar no seu activismo realizando os seus propios programas de radio de denuncia; e agora teñen a oportunidade de coñecer a dúas mulleres valentes que intentan cambiar a súa realidade”.
Esta será a 12º edición de Activistas Polo Mundo Que Queremos, “un proxecto de educación para a cidadanía global que xa chegou a 76 centros educativos, 305 profesores e profesoras e 5.075 alumnos e alumnas dende o ano 2013”, que forma parte da plataforma de innovación educativa ‘Plan Proxecta’, impulsada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. É posible grazas a unión de tres ONGDs, Solidariedade Internacional de Galicia, Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (Agareso) e Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP) co financiamento da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta de Galicia.
Fotos: Mónica G. Bellver e cedidas.



