Cunha interesante actividade deportiva comezaban a mañá deste xoves 24 de outubro alumnos de dous centros escolares do Barco de Valdeorras.

O rocódromo do pavillón municipal de Calabagueiros acollía unha sesión de iniciación á escalada da man de Asesou. Tal como explica o presidente e un dos monitores da Asociación de Escaladores Ourensáns, Alfonso Böck, trátase dunha xornada de formación dentro do programa de Fomento Deportivo da Deputación de Ourense, no que participaron dous centros barquenses de Educación Infantil e Primaria.

Primeiro pasaron polo rocódromo alumnos de 6º de Primaria do CEIP Julio Gurriarán Canalejas e despois tocoulle a quenda aos de 5º e 6º do CEIP Ramón Otero Pedrayo de Viloira. En ambos casos, o primeiro era colocar os arneses e cascos, para de seguido, tras unhas breves e concisas indicacións, proceder á escalada. “É algo moi básico, un primeiro contacto, o que se di un bautismo de escalada”, asegura Alfonso, que veu acompañado doutros dous monitores, Piluca e Manu.
Fotos e vídeo: Mónica G. Bellver, excepto as tres primeiras imaxes da galería que son cedidas.



