En portadaÚltima hora

Alumnos e docentes de Arquitectura Técnica coñecen o proceso de extracción e elaboración da lousa valdeorresa

Con este tipo de visitas descobren "de onde vén e como se extrae o produto en orixe; o que lles axudará a apreciar o seu valor", aseguran dende o Clúster da Pizarra de Galicia

 

Un grupo de 30 estudantes e profesores da Escola Universitaria de Arquitectura Técnica da Coruña realizaban este venres 10 de outubro unha visita a Valdeorras, para coñecer o proceso produtivo do sector da lousa. En primeiro lugar, desprazábanse a unha nave de elaboración para, posteriormente, coñecer o traballo extractivo nunha canteira ao descuberto, e descubrir as distintas formas de colocación deste material en cubertas e fachadas, nunha demostración práctica que tivo lugar no Centro Tecnolóxico da Lousa, en Sobradelo (Carballeda de Valdeorras).

“O obxectivo desta iniciativa é dar a coñecer de primeira man este material construtivo, desde o inicio ata o final do seu proceso produtivo, e mostrar as posibilidades que ofrece aos futuros arquitectos técnicos”, di o Clúster da Pizarra de Galicia.

 

 

Plan de promoción

Esta actividade está dentro das accións conxuntas que o Clúster da Pizarra de Galicia organiza coa Escola Universitaria de Arquitectura Técnica da Coruña. A visita realizada esta mañá é “un complemento perfecto” para a xornada técnica “A lousa galega na construción”, que se celebrou o 30 de setembro no campus da Zapateira da universidade coruñesa, tal e como destaca o Clúster. Nese foro interviñan Darío López Fernández, presidente do Colexio Oficial de Arquitectura Técnica de Ourense; Santiago López Piñeiro, arquitecto técnico experto en lousa; Severino González, xerente do Clúster da Pizarra de Galicia; e Juan Luis Pérez, o director da Escola.

Conferencias e visitas especializadas son ferramentas contempladas no Plan de Promoción do Clúster, “tendo presente que o colectivo de arquitectos e arquitectos técnicos, é un dos máis importantes do sector”, din dende esta organización empresarial.

Por outra banda, engaden, “relatorios son unha ferramenta para tratar de conseguir un maior coñecemento sobre a lousa por parte dos alumnos, que se complementa coa experiencia de coñecer de onde vén e como se extrae o produto en orixe; o que lles axudará a apreciar o seu valor”.

Seguindo a senda da formación, o Clúster organizará este mes unha xornada técnica en Sobradelo para profundar na seguridade e a saúde no sector da lousa.

Back to top button