DeportesGalerías de fotosÚltima hora

Amigos, familiares e ex alumnos homenaxean ao karateka Nicolás Rodríguez

O mestre era sorprendido en Valdeorras cunha cea-festa tras conseguir o sexto DAN

 

Nicolás Rodríguez é un dos pioneiros do karate en Valdeorras. Sempre está de broma, animando a todo o mundo, e non resulta doado de sorprender. Por iso os seus amigos e familiares tiveron que argallar un complexo plan para organizar unha festa de celebración pola súa longa traxectoria e a consecución do 6º DAN (é o único ourensán que actualmente ten este grao). Unha homenaxe que comezaba a fraguarse hai meses e que se materializaba na noite do 26 de decembro no Restaurante Paladium, en Vilamartín de Valdeorras.

 

Nicolás Rodríguez, 6º DAN.

 

Como cada Nadal, o karateka natural de San Paio (Petín) pensaba que ía cear cun pequeno grupo de ex alumnos, amigos e familiares pero en realidade eran case 90 as persoas que agardaban por el nun dos salóns do establecemento. Xente de Ourense, Madrid, Ribadavia, Ferrol, Pontevedra, A Coruña, El Bierzo,… que non quixeron perder a oportunidade de saudar ao mestre e compartir con el a velada.

Foi tan coidadosa a organización do evento que Nicolás non sospeitaba nada e despois da primeira impresión, desfrutou da noite asegurando que “é un orgullo saber que hai xente que me aprecia e me quere”. Unha noite de reencontros, cargada de abrazos, sorrisos, agasallos e algunha que outra bágoa, que comezaba co saúdo OSS dos karatekas presentes (ex alumnos e alumnos de Nico) ao Sensei, e continuaba coa proxección dun vídeo e a entrega, por parte do mestre Fran (7º DAN), do cinto branco e vermello así como dunha placa conmemoratica e dunha tarxeta asinada por todos. De seguido comezaba a cea que se estendía ata altas horas.

Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button