EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Ampla participación na 1ª xornada da Primavera de Portas Abertas da Ruta do Viño de Valdeorras

 

Decenas de visitantes chegados desde diversos puntos de Galicia, e doutras comunidades autónomas, (especialmente da veciña Castela e A Mancha) participaban este sábado na primeira xornada da “Primavera das Portas Abertas da Ruta do Viño de Valdeorras”.

Tras o acto inaugural celebrado onte, venres, e a posta en marcha da primeira actividade (Cantos de Taberna no Aloxamento A Pontevella, a axenda de propostas de lecer desta iniciativa anual, impulsada co respaldo da Xunta, a través da Axencia Turismo de Galicia, renovouse esta mañá e fíxoo con numerosa afluencia de público, que desafío ao mal tempo para participar nas mesmas.

Para promover a afluencia de visitantes, a Ruta do Viño de Valdeorras promovía a saída dos denominados “buses do viño”, que partían está mañá moi cedo desde as cidades da Coruña, Santiago, Vigo, Ourense e Ponferrada con numerosas persoas interesadas en coñecer o potencial e as singularidades da comarca como destino enoturístico e, en particular, poder degustar os viños da zona mentres gozaban de accións diversas tales como visitas, andainas ou roteiros en bicicleta, entre outras.

Actividades postas en marcha esta mañá

Así, na mañá deste sábado, dentro da axenda da Primavera organizouse un roteiro en eBike para que os ciclistas rexistrados puidesen coñecer un enclave paisaxístico singular da zona, como é o caso da Serra da Enciña da Lastra, a través dun roteiro de 42 quilómetros.

Xunto a isto, tamén se puxo en marcha unha acción destinada a xerar sinerxias entre os dous activos económicos (e tamén turísticos) máis relevantes da comarca (viño e lousa) no marco da acción Entre Lousas e Viños. Os visitantes rexistrados nesta actividade puideron coñecer de primeira man a zona na que se asenta principalmente a actividade louseira na comarca e as súas paisaxes, finalizando o percorrido coa degustación dun viño nunha das nosas adegas.

Outra das propostas programadas que os asistentes puideron gozar na mañá deste sábado levou por título O viño como aperitivo en compañía do Sil. Tratábase dunha cata con diferentes tipoloxías de viños que se combinaron con degustación de conservas e o acompañamento musical de Lupe Blanco, unha das regueifeiras máis famosas de Galicia.

Axenda para a tarde de hoxe sábado

O programa das xornadas propón actividades diferentes para completar a tarde deste sábado. Por unha banda, a iniciativa Meriendita entre cepas (un picnic e cata entre viñedos na zona de *Éntoma, que finalizará cunha visita á Adega Roandi). Coñecer o famoso Castelo do Bolo tamén tamén será posible tamén esta tarde no marco das xornadas, grazas a unha iniciativa denominada Un viño á saúde de Vos irmandiños.

Cata, canta, pica con viños de Godeval é outras das actividades que se desenvolverán antes de que acabe o día. Comezará ás 20.30 horas e consta dunha cata vertical de viños de Godeval, cuxo obxectivo é contribuír a que os seus participantes reflexionen sobre o impacto do paso do tempo nos viños. En paralelo, os asistentes dispoñerán dun karaoke con cancións de sempre, para poder cantar mentres gozan dos viños e as tapas.

Axenda para mañá

Durante a xornada de mañá, domingo 7 de maio, quen se achegue a Valdeorras para gozar da Primavera de Puertas Abertas poderán participar nalgunhas actividades máis tales como un brunch no Aloxamento A Pontevella ou un Percorrido pola historia de Larouco e a cultura do viño (unha andaina entre viñedos e lagares por un tramo de cinco quilómetros xunto a un arqueólogo que explicará aos asistentes a rica historia deste municipio, moi ligada ao ámbito vinícola).

Durante a mañá do domingo, ademais, repetirase a actividade que propón unha visita ao Castelo do Bolo e que finalizará coa degustación de viños elaborados neste municipio.

Artigos relacionados

Back to top button