EconomíaEconomíaÚltima hora

Ampla variedade de artigos e descontos na Feira do Comercio de Xinzo

 

Esta fin de semana, veciños e visitantes de Xinzo de Limia teñen a oportunidade de apoiar aos seus comerciantes. No pavillón de deportes hai 39 expositores que ofrecen unha ampla variedade de artigos, algúns rebaixados ao 50 % e moitas oportunidades. A Feira do Comercio que promove Prolimia, en colaboración co Concello, era inaugurada na mañá do venres 26 de agosto nun acto ao que asistiron o tenente de alcalde, Amador Díaz; os concelleiros Manuel Pérez, Rafa Penabad e Ramón Gómez, ademais do popular Antonio Fernández; o delegado da Xunta de Galicia, Gabriel Alén; a xerente do Inorde, Emma González; a presidenta da entidade comercial que promove o evento, Concepción Conde, e a presidenta da Federación de Comercio de Ourense, Beatriz Gómez.

Conde agradeceu a presenza das autoridades e o traballo dos comerciantes para poñer en marcha a feira. O concelleiro de Promoción Económica, Manuel Pérez, felicitou á asociación Prolimia “que leva traballando arreo polo comercio de Xinzo de Limia”. Tamén insistiu o edil en que “o sector nesta vila está moi vivo e quere seguir tirando para adiante”. Nesta mesma liña, o tenente de alcalde, Amador Díaz, asegurou que os comerciantes “son a despensa desta comarca” e animounos “a seguir unidos e xuntos”.

 

 

A presidenta da Federación de Comercio de Ourense, Beatriz Gómez, tamén quixo felicitar a Prolimia “por organizar un evento deste nivel e que será un escaparate de gran importancia para o sector”. A relevancia de fidelizar ao cliente en feiras como a que se celebra no pavillón de deportes foi subliñada pola xerente do Inorde, Emma González, que tamén destacou o gran traballo que supón a montaxe e organización desta feira comercial. Pola súa banda, o delegado da Xunta, Gabriel Alén, destacou a “gran valentía” do sector de Xinzo de Limia por desenvolver un evento de gran relevancia.

O acto de inauguración contou coa actuación da Agrupación Musical da Limia e coa bendición do párroco de Xinzo, Jaime Collazo, que desexoulle moitos éxitos á iniciativa. O acto inaugural dá paso a tres xornadas nas que os comerciantes ofrecerán, con atractivas promocións, unha ampla variedade de produtos, dende roupa a produtos artesanais, libros, artigos de xoiería ou para a práctica do deporte.

 

Artigos relacionados

Back to top button