EconomíaEconomíaÚltima hora

Amplíanse ata os 4,7 millóns de euros as axudas ao lecer nocturno polos peches de fin de ano

A día de hoxe concedéronse xa pagamentos a 479 empresas e aspírase a superar os 600 con esta ampliación

Publicidade

 

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a ampliación, ata os 4,7 millóns de euros, das axudas extraordinarias dirixidas aos titulares dos negocios de lecer nocturno que optaron por pechar os seus establecementos o pasado fin de ano, co obxecto de poder atender todas as peticións que cumpran cos requisitos previstos na orde publicada o pasado febreiro.

A Consellería de Emprego e Igualdade engade 1,2 millóns á partida inicial de 3,5 millóns, co obxecto de compensar as perdas destes establecementos ocasionadas polo peche opcional proposto polas autoridades sanitarias o pasado Fin de Ano para evitar a propagación do coronavirus. A extensión do orzamento non afecta aos prazos nin ás solicitudes xa realizadas, que seguirán o seu curso ordinario e recibirán, de cumprir cos requisitos, os pagamentos das axudas directas que lles correspondan.

A día de hoxe recibiron axudas un total de 479 empresas, segundo os datos facilitados pola administración galega. A Xunta estima superar as 600, entre discotecas, pubs, cafés-espectáculo e salas de festas e de concertos. Os apoios estanse a financiar con fondos REACT-UE no marco do Programa Operativo FSE Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia do Covid-19.

Os apoios acadan contías que varían en función da superficie dos establecementos: 2.500 euros se teñen de menos de 100 metros cadrados; 5.500 euros para os que teñan entre 100 a 250 metros cadrados; 9.000 euros para os de 250 a 500 metros; 14.000 nos que conten cunha superficie entre 500 e 700 metros; 27.000 euros naqueles que teñan de 700 a 2.000 metros; e un total de 45.000 euros para os grandes establecementos, con máis de 2.000 metros cadrados.

A situación pandémica, agravada en decembro de 2021 pola velocidade da propagación, obrigou ás autoridades sanitarias galegas a artellar medidas extraordinarias para minimizar o impacto económico e apoiar o mantemento do emprego nunha das actividades máis afectadas, os establecementos de lecer nocturno.

Por este motivo deseñouse un programa extraordinario de axudas para os negocios que optaron por acollerse á suspensión da actividade sen ter adiantado ou atrasado as festas e eventos previstos nesas datas, que agora se queren facer chegar a todos os negocios que cumpriron cos requisitos esixidos, grazas á ampliación do presuposto hoxe publicada no Diario Oficial de Galicia.

Artigos relacionados

Back to top button