SanidadeÚltima hora

Ana Pastor, xefa do Servizo de Neurocirurxía do CHUO, participa en Mali nunha misión de cooperación Aecid

Esta misión súmase á dilatada traxectoria solidaria desta especialista, que xa ten participado no mesmo programa de cooperación en Níxer

 

Ana Pastor, xefa do Servizo de Neurocirurxía do Hospital Universitario de Ourense, está a participar nunha misión de cooperación en Malí, co obxectivo de reforzar a formación médica especializada e contribuír ao fortalecemento do sistema público de saúde deste país africano.

A misión enmárcase no Programa de Formación Médica Especializada (PFME), unha iniciativa da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID) e da Fundación CSAI, dependente do Ministerio de Sanidade.

Este programa busca impulsar a cobertura sanitaria universal e mellorar a calidade asistencial dos sistemas públicos de saúde nos países con menor desenvolvemento sanitario, a través da docencia e da colaboración de profesionais do sistema nacional de saúde español, no que contribue o Servizo Galego de Saúde.

A doutora Pastor neste intre en Bamako, participa en sesións formativas dirixidas a profesionais locais, centradas na atención a pacientes politraumatizados, na asistencia cirúrxica urxente e na mellora da capacidade asistencial do país, para atender mais eficazmente ante vítimas de accidentes, unha das principais causas mortes, pérdida de anos de vida e hospitalizacións en Malí.

Unha traxectoria de compromiso humanitario

A actual participación en Malí supón unha nova experiencia internacional na xa dilatada traxectoria solidaria da doutora Ana Pastor, que formou parte de numerosas misións médicas en Níxer, no marco do mesmo programa de cooperación.

Nese país contribuíu á formación de centos de profesionais a través de cursos desenvolvidos en Niamei, e tamén promovendo estadías nos hospitais públicos de Ourense de profesionais nixerinos e de Mozambique. Especialmente na atención ao paciente politraumatizado, área na que a doutora Pastor é recoñecida como referente docente a nivel nacional e europeo, no seu papel como formadora e dos prestixiosos cursos Advanced Trauma Life Support (ATLS) e ETC (European Trauma Course) de atención ao enfermo politraumatizado.

O equipo español de Níxer, no que participou Pastor, xunto con profesionais do Hospital Gregorio Marañón de Madrid; do Hospital Universitari Parc Taulí de Sabadell; do Hospital Virgen del Puerto de Plasencia e do St Bartholomew’s Hospital de Londres, impartiron ao longo das distintas misións, talleres especializados que permitiron capacitar a centos de facultativos e sanitarios africanos e o que é mais importante, formar aos seus propios docentes, para fortalecer o sistema público de saúde.

 

 

Malí: un médico por cada 55.000 habitantes

O Programa de Formación Médica Especializada da AECID comezou en 2015 en Mozambique e estendeuse a países como Etiopía, Níxer, Bolivia, Mauritania, Mali e Paraguai. A súa filosofía baséase en trasladar o modelo español de formación sanitaria aos contextos locais, fomentando a creación programas de especialidades e formadores locais que multipliquen o impacto da cooperación.

A implantación deste programa en Malí comezou de finais do 2022. Desde entón, o traballo conxunto da FCSAI e a AECID organizou varios ciclos de formación de apoio no Hospital Gabriel Touré e no Hospital Point – G de Bamako.

As especialidades escollidas para as sesións de formación do en Malí -anestesia, urxencias e atención ao paciente politraumatizado e cirurxía xeral- parten das prioridades expresadas polas autoridades sanitarias malianas.

Segundo datos de 2018, estímase que en Malí -con case 22 millóns de cidadáns- hai un médico por cada 55.000 habitantes, que se concentran nas capitais rexionais.

Fotos cedidas.

 

Back to top button