Eleccións Xerais 2023EntrevistasÚltima hora

Ana Vázquez: “O cambio no 23X é posible e chámase Núñez Feijóo, o que para nós é un luxo”

A cabeza de lista do PP por Ourense ao Congreso considera que por primeira vez "na historia imos ter a posibilidade de contar cun ourensán como presidente do Goberno"

A cabeza de lista do PP ao Congreso por Ourense, Ana Belén Vázquez./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

De “moi ilusionante” cualifica Ana Belén Vázquez Blanco (Bande, 1975) a campaña electoral para as eleccións xerais do 23 de xullo, iniciaba na madrugada do 7 de xullo. Por segunda vez encabeza a lista ao Congreso por Ourense do PP, pero matiza que a diferenza con relación a anteriores comicios está en que “por primeira vez na historia imos ter a posibilidade de contar cun ourensán como presidente do Goberno de España”.

Vázquez é deputada do PP por Ourense dende o ano 2000 e asegura que esta provincia “ten sido maltratada polo goberno de Sánchez” e que nesta campaña “imos denunciar os ataques que sufriu”. Xunto a outros candidatos do PP, concelleiros e alcaldes desta formación política visitaba a pasada fin de semana Valdeorras, en concreto á feira do viño en Viloira (O Barco), e mañá, 12 de xullo, ás 20:30h. participarán nun mitin no Aguillón da Rúa.

– ¿Que supón para vostede encabezar á lista ao Congreso do PP por Ourense nestas eleccións xerais?

No 2018 xa fun de cabeza de lista, pero é a primeira vez que a encabezo sabendo que imos ganar, e iso supón un plus de motivación. É saber que hai un presidente que te pon nesa candidatura encabezando a súa terra, co cal imaxínate a miña satisfacción persoal, por ter confiado en min, pero tamén a responsabilidade, que é moi grande.

 

 

– ¿Por que son diferentes estas eleccións?

Como dicía imos ter a posibilidade de contar, por primeira vez na historia, cun ourensán como presidente do Goberno de España, e iso para a nosa lista é unha responsabilidade inmensa, se ben, ao mesmo tempo, temos unha vantaxe no senso de que votar neste momento a Feijóo é facelo a un presidente que coñece cada recuncho da provincia de Ourense, un home que estivo en Carballeda, no Barco, na Rúa… e sabe perfectamente as demandas de cada concello, co cal vai ser moi doado traballar con el e loitar por esas reivindicacións históricas que defendemos os deputados do PP, como pode ser esa A-76, que está paralizada por completa, e incluso nos orzamentos últimos aparecían 100.000 euros o que era rirse totalmente desta comarca para a cal é fundamental esta vía de comunicación porque todos vemos como nos costa chegar aquí. Este proxecto ten que arrancar canto antes,

Tamén podemos falar doutras infraestruturas como a conexión a Lugo ou a estación de Ourense, que é a única cidade galega á que chega o AVE e resulta que despois non dispón dunha estación intermodal como o resto das cidades galegas.

 

 

– A parte das infraestruturas que xa comentaba, ¿que outros aspectos do programa do PP destacaría referentes a Ourense ou á Galicia interior?

Van temas como o apoio á España rural, que dunha maneira fundamental afecta á nosa provincia, vai baixada de impostos no rural, cota cero aos autónomos durante o primeiro ano, van axudas ao relacionado coa internet no rural para a dixitalización das empresas, tamén vai un programa moi ambicioso en materia gandeira e agrícola..

Ademais está unha loita que hai que facer con carácter inmediato da PAC, xa que a PAC que se está tramitando nestes momentos na Unión Europea prexudica de maneira especial a España, e nós temos produtos moi competitivos. E, por outro lado, avogamos por que non se criminalice aos agricultores e aos gandeiros porque se está criminalizando por este goberno, nós imos potenciar esa loita por defender aos nosos produtores.

Outras propostas do noso programa son a baixada inmediata do IVE da carne e do peixe, do 10 ao 4% ou que de maneira extraordinaria durante unha época de crise se poida desgravar pola adquisición da primeira vivenda.

 

 

– ¿Como están plantexando a campaña electoral?

Estamos tendo reunións sectoriais durante a mañá e incluso durante a tarde, despois celebramos un mitin comarcal unicamente, porque estamos nun período de verán e non podemos facer un mitin ata as oito e media da tarde por mor do calor. Entón antes deses mitines, os candidatos dividímonos en varios equipos e visitamos concellos veciños para falar cos afiliados, cos concelleiros e coa xente.

É verdade que esta campaña electoral a puxo Sánchez precisamente para isto, para desmotivar, para que a xente non fora votar, e aquí en Galicia, aínda por riba cunha ponte. E nós o que queremos é que os cidadáns voten, que o fagan máis que nunca porque que o cambio é posible, e que ese cambio chámase Alberto Núñez Feijóo, que para nós xa é un luxo.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button