DeportesGalerías de fotosÚltima hora

Animada mañá de fútbol base no pavillón municipal de Viana do Bolo

Escolares dos concellos do Bolo, A Veiga, A Mezquita, A Gudiña e Viana participaron na xuntanza organizada por Pinchacarneira

Desfrutar dunha mañá de fútbol cos rapaces dos concellos limítrofes, era o obxectivo da xuntanza de escolares dos concellos do Bolo, A Veiga, A Mezquita, A Gudiña e os propios anfitrións, Viana, que tiña lugar na mañá do 24 de novembro no pavillón municipal de Viana do Bolo.

Ao longo da mañá sucedéronse os encontros de fútbol nos que os rapaces estiveron arroupados por familiares e amigos, “que non perdían detalle dende as bancadas” aseguran dende a organización, adiantando que tamén contaron coa presenza de voluntarios do C.D Viana que se prestaron para arbitrar, “apoiando con este xesto o deporte base, e animando aos que, nun futuro serán o seu relevo no campo”.

Xogadores e xogadoras demostraron as súas habilidades co balón, traballo en equipo e moita, moita deportividade. De feito, a ausencia de marcador nos diferentes encontros reflexaba que a intención desta xornada, organizada por Pinchacarneira (empresa de ocio asentada no concello de Viana), non era outra que “poñer na pista o esforzo que cada día familias, rapaces e adestradores fan para poder manter vivo o deporte nas zonas que menos opcións ou facilidades teñen”, din dende Pinchacarneira, asegurando que desfrutaron “poñendo en valor o fomento do deporte, a cooperación entre concellos, a importancia do equipo e a ensinaza dende a base”, confiando en que este tipo de eventos “tomen continuidade e se instauren como referencia do deporte base, sumándose cada vez mais participantes”.

Fotos: Pinchacarneira.

Artigos relacionados

Back to top button