A RúaConcellosÚltima horaVídeos

Animado paseo pola historia da Ponte da Cigarrosa, Petín e a Guerra da Independencia

 

Petín está sendo un dos grandes protagonistas da fin de semana en canto a eventos. Ao longo da fin de semana desenvólvense as diferentes actividades que conforman a Feira de 1812 e na mañá deste domingo 5 de xuño, a localidade valdeorresa protagonizaba tamén un dos ‘Paseos con historia’ organizado dende a Oficina de Turismo Valdeorras, da Rúa que contaba con 35 inscritos.

A ruta, guiada coma sempre polo Luis Carrón (que se encarga da parte histórica do percorrido) e Soledad Figueroa (encargada da parte vitivinícola), comezaba na Ponte da Cigarrosa, entre A Rúa e Petín, onde Luis iniciaba o seu relato sobre 1808, a Guerra da Independencia e a chegada das tropas napoleónicas a Valdeorras, contando anécdotas como que o mesmísimo Napoleón estivo a piques de dirixila.

 

 

Dende o punto de inicio, os camiñantes dirixíanse ata a ponte nova, pola estrada que vai á Viana, dende onde tiñan unha mellor perspectiva sobre a Cigarrosa. Despois collían rumbo ao centro de Petín, facendo un percorrido polo casco vello e pola propia Feira de 1812, con paradas etnográficas para ver unha adega e un forno tradicionais. Entre medias, máis datos históricos e curiosidades, con especial fincapé no papel que xogaron Petín e os seus veciños, especialmente as mulleres, na loita contra os conquistadores franceses.

Como en cada saída organizada pola oficina de turismo, a ruta remataba cunha degustación de viños da Adega A Pinguela e empanadas da Panadería Querol.

Fotos e vídeo: Mónica G. Bellver.

 

Artigos relacionados

Back to top button