
No vindeiro venres 1 de Maio as tradicionais esculturas vexetais que acostuman tomar as rúas do Barco nesta data non poderán verse. Tampouco soarán as coplas de nenos e maiores na praza do Príncipe, nin poderá percorrerse a mostra de artesanía.
Pese así, a Concellería de Cultura do Barco non quere deixar pasar esa data tradicional e celebrará os Maios doutra maneira. “Queremos que teña un lugar no espazo virtual, como un canto á primavera e a vida ao aire libre que pronto recuperaremos plenamente”, indican dende o Departamento de Cultura barquense.
Nese senso, propoñen “que publiquedes nos vosos perfís de facebook ou instagram algo sobre os Maios do Barco co hashtag #maiosdobarco. Poden participar persoas de todas as idades e cantas veces queiran subindo: fotos (novas ou vellas), debuxos (con calquera técnica), pequenos maios feitos co que se teña a man, vídeos, coplas cantadas, gif,… o que se vos ocorra para que esta festiña, unha das máis enxebres do noso calendario, estea presente na Rede coa creatividade e as lembranzas de todos”.
A primeira desas colaboracións ven da man do cantautor valdeorrés Anxo Rei “cun vídeo que publicamos en primicia da fermosa versión musical de “Aí vén o maio”, o poema de Curros Enríquez musicado por el con arranxos de Jorge F. Ojea, que o acompaña coa guitarra, e con fotografías de Gustavo Docampo, nas que se recollen distintos momentos dos Maios do Barco dos últimos cinco anos”, tal e como se adianta dende Cultura.