DeportesÚltima hora

Ao redor de 200 bikers participarán na última etapa da Transgalaica 2022, na Estación de Manzaneda

A maratón mtb series chega a Manzaneda este domingo 24 de abril, con Brandan Márquez e Desiree Fernández como líderes provisionais

 

Como un paraíso para o deporte de montaña. Así definen os organizadores da Transgalaica 2022, o circuíto de BTT-Maratón na Estación de Montaña Manzaneda. E sendo así, non estraña que optasen polas súas instalacións para a última e máis importante etapa desta proba, despois das celebradas en Cotobade, Ames, A Estrada e Silleda.

Ademais, será precisamente aquí, nun das paraxes naturais máis impresionantes de Galicia, onde se decidirán os gañadores das distintas categorías individuais, así como a de equipos. A carreira, que terá lugar o vindeiro domingo, desenvolverase sobre un percorrido de 26 quilómetros, ao que os participantes terán que dar dúas voltas, cunha dificultade técnica moderada. O circuíto é unha mestura perfecta de bosque, pistas e espectaculares vistas, co bike park como colofón.

 

 

Entre os participantes, ao redor de 200, están os mellores especialistas da modalidade, tanto de Galicia como de Asturias, León e norte de Portugal, lugares de procedencia da maior parte deles. A Manzaneda chegan como líderes na categoría masculina e feminina Brandan Márquez e Desiree Fernández, respectivamente. Pola súa banda, o equipo CDM Xesteiras, de Cuntis, lidera con folgura na modalidade de equipos, tras vencer en 3 das 4 carreiras previas. Ademais de para o Circuito Transgalaica, a proba será puntuable para a clasificación de probas maratón (XCM) da Federación Galega de Ciclismo.

A Transgalaica 2022 será o primeiro dos 25 eventos xa programados e confirmados para este verán en Manzaneda, entre deportivos e concertos. Arrinca así a tempada cun calendario aínda aberto e co que a Estación de Montaña materializa a súa aposta por desestacionalizar.

Artigos relacionados

Back to top button