EconomíaEconomíaÚltima hora

Apetamcor incide na importancia do asociacionismo na súa asemblea anual

Entre os asistentes estaba a conselleira de Promoción de Emprego, a ourensá Elena Rivo

 

A Asociación Empresarial do Transporte de Mercadorías por Estrada de Galicia (Apetamcor), que preside o valdeorrés Javier Adolfo González, celebraba este sábado a asemblea xeral ordinaria correspondente ao ano 2023 na súa sede do Polígono Industrial San Cibrao das Viñas, en Ourense. Natalia Blanco Díaz, coordinadora xeral de Apetamcor, era a encargada de expoñer aos socios asistentes o estado das contas anuais de 2022 e a previsión de orzamentos para 2023, así como a memoria de actividades do pasado ano e a ratificación de altas e baixas de socios.

O acto contaba coa presenza de Elena Rivo López, conselleira de Promoción de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, para quen Myriam Otero López, secretaria xeral e fundadora de Apetamcor, tivo unhas palabras de agradecemento. “Queremos mostrar un agradecemento especial á conselleira de Promoción de Emprego e Igualdade, Elena Rivo, por aceptar a invitación a clausura da nosa Asemblea. Teño a sorte de poder dicir que ademais dunha gran empresaria, Elena é unha amiga que garda un agarimo especial a Apetamcor. Grazas por estar hoxe connosco para apoiarnos como sempre o fixeches”, declaraba a fundadora de Apetamcor.

Myriam Otero tamén eloxiaba no seu discurso o labor fundamental que os transportistas realizan cada día para evitar o colapso da sociedade. “No último ano alcanzamos grandes logros: que haxa un regulamento sancionador máis estrito para as cargadoras que non cumpren; conseguimos repercutir a subida do gasóleo e que se aplique, así como a prohibición de carga e descarga para o condutor”.

 

A conselleira con membros da directiva de Apetamcor e co delegado da Xunta./ Foto: Fabián Freiría Figueroa.

 

Así mesmo comentaba que “o asociacionismo é máis importante que nunca. Compráceme dicir que se de primeira man que os socios están moi satisfeitos; vexo ao sector contento coa organización pero, por suposto, temos marxe de mellora e convídovos a que nos trasladedes aqueles aspectos nos que habemos de mellorar”. Antes de terminar a súa intervención, Otero fixo unha mención “ao esforzo do equipo humano, traballando día a día, de maneira incansable e sempre axudando ao transportista”.

No acto tamén tomaba a palabra a conselleira de Emprego, que acudía acompañada polo delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén. Rivo agradecía a invitación para participar nesta asemblea xeral. “Tedes toda a miña a colaboración, como non podía ser doutra maneira. Hoxe veño máis a escoitar que a falar: só quero dicir que se antes a consellería colaboraba, agora máis. Son ourensá , moi vencellada ao sector empresarial e por iso quero escoitar que é ou que vos profesionais
do sector do transporte necesitades”.

Artigos relacionados

Back to top button