ConcellosEconomíaEconomíaPizarraÚltima hora

Aposta polo turismo industrial da lousa como elemento diferenciador de Valdeorras

Así se reflexa nun convenio de colaboración entre o Clúster da Pizarra de Galicia e a Deputación de Ourense

Explotación subterránea de lousa en Valdeorras./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Un innovador proxecto de turismo industrial nas explotacións de lousa comarca de Valdeorras, onde a minaría ten unha forte pegada desde hai séculos e supón un sector clave tanto na economía ourensá como na galega, será promovido pola Deputación de Ourense e polo Clúster da Pizarra de Galicia. Así o anunciou o presidente provincial, Manuel Baltar, tralo encontro que mantivo hoxe co presidente desta agrupación empresarial, Víctor Cobo, e no que tamén participaron a alcaldesa de Carballeda de Valdeorras, María del Carmen González, e o xerente da entidade, Severino González.

A colaboración para desenvolver este proxecto de turismo industrial quedará reflectido nun convenio polo que a Deputación achegará ao Clúster unha axuda de 30.000 euros. Ademais, a institución provincial tamén asinará un segundo acordo para cooperar no financiamento das actividades que realice este ano a entidade.

 

O presidente da Deputación de Ourense cos representantes do Clúster da Pizarra de Galicia e coa alcaldesa de Carballeda de Valdeorras./ Cedida.

 

Trala reunión celebrada no Pazo Provincial, Manuel Baltar expresou a súa satisfacción por “renovar a estreita colaboración que mantemos co sector da lousa, tan importante para a nosa economía, e nomeadamente nun proxecto turístico no que a provincia ten moito que dicir, en particular no referido ás explotacións mineiras de Valdeorras”. Baltar avanzou unha próxima visita para profundizar sobre o terreo no potencial que ten esta zona en turismo industrial.

En nome do Clúster da Pizarra de Galicia, Víctor Cobo agradeceu a disposición do presidente da Deputación “a seguir colaborando co sector”. Un aspecto no que insistiu  xernete da entidade, Severino González. “Esta é unha institución que sempre mostrou a súa receptividade ás nosas propostas, e os resultados das accións que levamos a cabo están aí”.

A rexedora de Carballeda de Valdeorras, María Carmen González, dirixiuse a Manuel Baltar para asegurar que con este acordo, o presidente provincial “demostra unha vez máis que Valdeorras importa moito na provincia. O presidente sempre aposta con xenerosidade por un sector vital para nós, e agora por un turismo que nos diferencia”.

 

Artigos relacionados

Back to top button