Malia que todo estaba disposto, finalmente na mañá do vindeiro 15 de setembro non terá lugar en Casaio (Carballeda de Valdeorras) a saída do “Gran Fondo Pena Trevinca 2019”, cuxo trazado previsto percorría as comarcas de Valdeorras (Ourense) e La Cabrera (León). A organización desta proba cicloturista, en mans de MOVENTS Sport&Entertainment, vén de emitir un comunicando para anunciar que se cancela a carreira ante as previsións de meteoroloxía adversa para esa xornada.
“Tras varias horas de reunións e valoracións profundas e responsables, baseándonos na previsión meteorolóxica adversa e excepcional que nos facilita Meteogalicia e outras fontes consultadas e, en consenso coa Garda Civil de Tráfico, Motovueltas, Catering, Audiovisuales… vémonos obrigados a non poder celebrar o noso evento deportivo con todas as garantías. Para nós a seguridade do corredor é prioritaria á hora de tomar decisións e, nestes momentos, non podemos asegurar ao 100% que a proba vaia transcorrer con total normalidade”, segundo informa o director da carreira, David Álvarez.
O comunicado tamén matiza que “o espectacular do percorrido (camiños rurais e longos descensos de portos por estradas secundarias) faino á súa vez peculiar a extraordinariamente perigoso en condicións de meteoroloxía adversa”. A organización tivo moi en conta á hora de decidir suspender a proba “a posibilidade de tormenta eléctrica nos 3 portos, ademais da chuvia intensa a noite previa e a mañá da carreira fai que continuar cara diante neste momento sexa botar unha moeda ao aire cando a confirmación agora mesmo de precipitación é do 100%”.
Ademais a organización agradece “a predisposición do sarxento de Tráfico de Ourense e de todo o seu equipo, dispostos en todo momento a aceptar a nosa decisión en caso de non aprazar” e o “apoio e cercanía” do pobo de Casaio. “Dende este mesmo momento estamos traballando en consenso (organización, empresa de cronometraxe, audiovisuais, DXT, Protección Civil e resto de administracións competentes) para poder anunciar unha nova data canto antes”.
Asemade indícase que “ninguén se preocupe pola súa inscrición, unha vez anunciada a nova data, en caso de non pode acudir, a inscrición poderase ceder a outro participante que si poida acudir”.