OurenseÚltima hora

Aprobados os concursos do XXV Festival de Cine de Ourense

A Deputación de Ourense dá luz verde para a realización dos certames de longametraxe, curtas e Fas Muvis

A reunión telemática presidida polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar.

 

O goberno provincial ven de aprobar este luns, 20 de xullo, nunha reunión telemática, as bases para os concursos de longametraxe, curtametraxe e Fas Muvis no marco da XXV edición do Festival de Cine de Ourense (OUFF) que organiza a Deputación en colaboración coa Fundación Carlos Velo.

Na competición oficial de longametraxes, poderán participar as persoas físicas ou xurídicas que pousúan o control legal sobre as obras presentadas. Os filmes deberán estar producidos únicamente en 2019 ou 2020 e poderán ser de ficción, animación ou documentais. As películas non poderán terse exhibido nin editado comercialmente en España en salas públicas (excepto festivais), televisión, DVD, ou vídeo antes do 25 de setembro. Deberán ter unha duración superior aos 60 minutos.

No que atinxe ao concurso de curtametraxe, as obras non poderán exceder os 30 minutos e deberán estar realizadas en Galicia ou por unha persoa galega. Non se admitirán pezas con data de estrea anterior a 2019.  Admítense todo tipo de temáticas e xéneros exceptuando o spot publicitario e o videoclip. É imprescindible que o filme estea en lingua galega ou español e, no caso contrario, contará con subtitulado a unha destas linguas. Para participar será obrigatorio cubrir o formulario na plataforma festhome antes do 31 de agosto.

Finalmente, no tocante a Fas Muvis, a organización do festival seleccionará 6 grupos de 5 membros como máximo para concorrer. Os participantes non poderán superar os 30 anos de idade xa que esta categoría pretende incentivar a creación audiovisual na mocidade. Os seleccionados deberán realizar unha curta de entre 3 e 10 minutos en, como máximo, 48 horas. Despois disporán doutras 96 para facer a montaxe. Cada grupo contará cun presuposto máximo de 500€ para a realización da peza. A solicitude deberá enviarse antes do día 16 de setembro ao correo fasmuvis@gmail.com.

Sobre Fas Muvis: https://osil.info/o-ouff-acollera-un-ano-mais-o-concurso-fas-muvis-entre-o-25-e-o-27-de-setembro/

Máis información: http://www.ouff.org/gl/

 

Artigos relacionados

Back to top button