Con tres días de festa honrarán este ano a San Lourenzo na localidade vilamartinesa de Arcos, con actividades nesta fin de semana. Coma nos mellores tempos, o teatro será o que marque o inicio da festa coa representación a cargo do grupo de veciños esta noite ás 22:30 horas no Centro Social de Arcos. Tralo parón do ano pasado nesta ocasión volverán deleitar ao público cunha nova comedia O elixir do convento. Ao rematar, a sesión verbena correrá a cargo da discomóbil Pimentoneta da Rúa.
A seguinte cita será xa o día propio da festa, sábado 10 de agosto, con procesión ás 12:30 horas seguida da misa na honra a San Lourenzo, presidida polo párroco Javier Calvo. Pola tarde haberá unha festa da auga para os nenos e o baile, tanto en sesión de tarde como na verbena, correrá por conta do grupo musical Punto Clave do que forma parte Selu López, segundo clasificado no Talent Show da TVG “A Liga dos Cantantes Extraordinarios”.
E xa para o domingo día 11 haberá festa da escuma pola tarde e baile co Trío D’Líder cun repertorio que vai dende o pop, rock e disco dos anos 70, 80 e 90, ata a música latina, merengue e bachata.
E como parte da decoración, nunha das rúas do pobo colgan as camisetas das probas que o atleta veterano Carlos López Gudiña leva realizado neste 2024, especialmente medias maratóns en Vigo e Lugo e carreiras de montaña (Quiroga Trail, Cueto del Oso, Villablino Trail, Ruta del Oro e Pizarra,…)





