Hoxe foi un día intenso e moi importante para A Pobra de Trives. Pouco despois de que Pablo Castrillo se proclamase campión da etapa 12 da Volta a España con meta na Estación de Montaña Manzaneda, arrincaba a IX edición da Ruta Galifornia en moto.
Seguindo co seu interese pola Galicia menos coñecida e aproveitando que este ano San Xoán de Río e A Pobra de Trives son capital Española das Montañas, medio centenar de amigos amantes das motos e viaxeiros curiosos reuníanse en Trives para percorrer, durante catro días, as Terras de Trives, O Courel e Os Ancares gozado das súas paisaxes, patrimonio cultural e gastronómico.
“A sensación de liberdade, o interese polo noso patrimonio e as ganas de saborear, vivir e sentir cada recuncho escondido de Galicia” é o que levou a dous amigos a crear a Ruta Galifornia no ano 2016. Desde entón, e ano tras ano, cada ruta é coidada con máximo detalle, sempre baixo a premisa de gozar visitando pobos aínda por descubrir, os seus monumentos e gozar da gastronomía local.
Nesta edición, que conta coa colaboración dos Concellos da Pobra de Trives e San Xoán de Río comezaba ás 20h. deste xoves 29 de agosto, coa recepción por parte dos alcaldes, Patricia Dominguez e Xosé Miguel Pérez no Salón de Actos do Concello trivés onde lles daban a benvida e uns agasallos. Posteriormente terá lugar
unha cea no Restaurnate La Viúda para os xa preto de medio centenar de “galifornianos”, que, ano tras ano, ven como a familia crece e os lazos de amizade estréitanse. O convidado desta edición é o moitero, e gran viaxeiro, Julio Álamo www.instagram.com/otroenmoto.
Os participantes sairán mañá, vernes 30 de agosto ás 9:30h, da praza do Reloxo da Pobra de Trives e nesta primeira etapa, por visitarán a igrexa de San Salvador de Sobrado, un dos exemplares máis significativos do románico galego e o Centro Astronómico de Trevinca, en Valdín. Despois de xantar na Veiga, dirixiranse ata Castiñeiro, aldea pertencente ao concello de San Xoán de Río, onde haberá un pequeno torneo de billarda.
Ao día seguinte, sábado 31 de agosto, sairán de San Xoán de Río para adentrarse na serra do Courel e as montañas dos Ancares sen faltar a visita obrigada ao Cebreiro. E xa o 1 de setembro o seu destino será descoñecido onde darán por finalizada a ruta deste 2024 cunha comida de despedida.
Fotos: O SIL.