SanidadeÚltima hora

As enfermidades reumáticas, analizadas nunha xornada en Ourense

Organizada pola Liga Reumatolóxica Galega no marco da campaña de difusión que se desenvolve este mes sobre as enfermidades reumáticas e musculoesqueléticas

 

O salón de docencia “Dr. Cabaleiro Goás” do Hospital Universitario de Ourense (planta 0, Rúa Cruceiro Quebrado s/n) acolle hoxe, desde as 18.30 h., a Xornada Informativa sobre as Enfermidades Reumáticas, organizada pola Liga Reumatolóxica Galega (LRG), entidade autonómica que traballa polo benestar das persoas afectadas por estas enfermidades.
A xornada enmárcase nos actos da campaña autonómica organizada pola Liga Reumatolóxica Galega, ao longo de todo o mes de outubro para aumentar o coñecemento sobre as enfermidades reumáticas e musculo-esqueléticas.

Trataranse varios aspectos das patoloxías reumáticas dende distintos punto de vista da man dos especialistas. O primeiro tema, ás 18.30, estará a cargo do reumatólogo, e responsable desta sección no Hospital Universitario de Ourense, Luís Fernández, que fará un percorrido polas patoloxías reumáticas e falará sobre o “Que necesitamos saber das enfermidades reumáticas”. A necesidade de terapia psicolóxica e saúde mental será abordado pola psicóloga e colaboradora da LRG Erika Medina, e por último o xefe de proxectos da LRG José León, fará unha radiografía do movemento asociativo en Galicia e a súa importancia.

A xornada está dirixida a todos os pacientes interesados e desexen achegarse e tamén pode servir de punto de encontro con persoal médico e de enfermería, asi como especialistas e residentes, psicólogos e terapeutas que son ou serán unha parte fundamental dá prevención e tratamento dos pacientes diagnosticados cunha patoloxía reumática.

Principal motivo de consulta nos Centros de Saúde

En Galicia as enfermidades reumáticas afectan aproximadamente entre un 20% e un 30% da súa poboación maior de 20 anos e supón un dos primeiros motivos de consulta nos centros de saúde, así como de baixas ou procesos de incapacidade laboral.

As enfermidades reumáticas son patoloxías crónicas que se producen cando o sistema inmunitario identifica, por erro, ás súas propias células como patóxenos externos e desenvolve mecanismos destinados a eliminalas.

Adoitan ser de longa duración e progresión lenta, continuas ou de curso variable. Na actualidade están descritas máis de 250 tipos. Poden afectar aos ósos, músculos e articulacións, así como aos tecidos que os rodean, podendo provocar dor, inflamación, rixidez, limitación do movemento ou deformidade.

Coñecer mellor os seus signos contribue a un diagnóstico precoz, da máxima importancia en todas elas para instaurar canto antes un tratamento, co que na maioría das veces se pode reducir os seus síntomas e limitar a evolución.

Artigos relacionados

Back to top button