En Ourense diagnosticáronse o pasado ano 255 casos de cancro de pulmón, catro de cada cinco foron homes (205), cun relevante aumento de casos en ambos sexos, predominantemente fumadores e maiores de 65 anos, aínda que desde o Servizo de Pneumoloxía alertan de que cada vez o detectan máis entre poboación máis xoven.
O drama do cancro de pulmón é que, a práctica totalidade poderían ser evitables, xa que o tabaquismo continúa a ser o axente principal do 90% dos casos -calcúlase que preto do 20% dos fumadores o desenvolverán- ademáis, segundo subliña Isaura Parente, especialista do Servizo de Pneumoloxía, e unha das responsables da atención a esta patoloxía, “máis da metade diagnostícanse xa con metástase e nun estadío avanzado”, o que dificulta o tratamento.
A abordaxe do cancro de pulmón en Ourense é multidisciplinar, no seu comité de tumores, que se reúne periodicamente para estudar e planificar os tratamentos de xeito coordinado, participan especialistas de medicina nuclear, pneumoloxía, anatomía patolóxica, radioloxía, oncoloxía médica e oncoloxía radioterápica.
A porcentaxe de casos de cancro de pulmón atribuibles ao tabaco oscila entre o 80 e o 90%, segundo os datos que manexa a área sanitaria ourensá.
Diagnóstico e estadiaxe in situ
Na procura dunha medicina cada vez máis personalizada, así como para axilizar o diagnóstico, desde hai uns cinco anos, desde o Hospital Universitario de Ourense realizase unha técnica que permite, nun único acto médico e sen necesidade de ingreso, chegar a un diagnóstico, e de confirmar o cancro, establecer as súas características –biomarcadores- e o estadío de este, información esencial para planificar o tratamento de cada paciente.
A técnica coñecida como EBUS-ROSE polas súas siglas en inglés, que se corresponden con Ecobroncoscopia lineal, ou Endo Bronchial Ultra Sound (EBUS), e Evaluación Microscópica in situ (ROSE), permite acceder e visualizar en tempo real as estruturas pulmonares non visibles a través da parede bronquial e facer unha punción, obtendo material celular para a súa análise polo patólogo, a través dunha agulla guiada.
“A presenza na sala do anatomo patólogo, para analizar a mostra in situ permite, dunha banda garantir que o material é válido e suficiente para a súa análise, punto importante para a obtención dos biomarcadores tumorais, clave na actual medicina personalizada do cancro, así coma para planificar o tratamento sexa cirúrxico, inmuno ou quimioterapia, radioterapia, ou unha combinación, evitando tomas de mostras non validas, ademais de axilizar todo o proceso”, destacan dende a área sanitaria ourensá.
Carmen Penín, xefa do servizo de anatomía patolóxica da Área Sanitaria e partícipe nesta técnica, destaca que o cancro de pulmón “é o pradigma da medicina personalizada, porque se realiza a determinación de numerosos biomarcadores, que en función dos resultados orientan un tratamento a medida”.
O procedemento realízase baixo sedación profunda, introducindo o ecobroncoscopio a través da boca, para logo acceder a traquea e bronquios e iniciar a exploración ecográfica das estruturas torácicas.
Ademais de ser un procedemento de referencia no cancro de pulmón, o EBUS tamén se aplica a outros tumores e á patoloxía de tipo inflamatorio de difícil diagnóstico con outros procedementos.