SanidadeÚltima hora

Atención Primaria da área sanitaria ourensá incorpora 18 retinógrafos para a detección precoz de lesións oculares

 

Profesionais de enfermaría de Atención Primaria da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras están a recibir, durante este mes de abril, uns obradoiros de formación para o manexo dos novos retinógrafos que ven de instalarse en dezaoito centros de saúde da nosa área co obxectivo de identificar precozmente lesións oculares relacionadas coa diabetes, facilitando as actividades preventivas, así como os tratamentos máis adecuados en cada caso.

Os novos retinógrafos están incluídos na adquisición de equipamento electromédico mediante os fondos do Plan de Melloras das Infraestruturas de Atención Primaria (MINAP), aprobado polo Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, e engádense aos outros cinco retinógrafos incorporados con anterioridade na área sanitaria ourensá no marco do Plan Galego de Atención Primaria 2019-2021. Este novo equipamento electromédico de última xeración que supuxo un investimento total de 315.810 euros, xa está instalado nos centros de saúde de Viana do Bolo, Verín, A Rúa, O Barco, Bande, O Carballiño, Celanova, Coles, Allariz, Maceda, O Pereiro de Aguiar, A Carballeira, A Valenzá, A Cuña, Nóvoa Santos, A Ponte, Valle Inclán e O Couto.

Nuria Martínez Blanco, enfermeira especialista en atención familiar e comunitaria, é a profesional encargada en ofrecer a formación aos profesionais de enfermaría que utilizarán os novos retinógrafos e subliña que “a incorporación desta nova tecnoloxía permitirá aos profesionais dos centros de saúde ofrecer un servizo máis eficiente e preciso á poboación, mellorando significativamente a atención integral á diabetes desde o ámbito da Atención Primaria e ademais evitará o desprazamento dos usuarios aos seus hospitais de referencia”. Cómpre subliñar que retinopatía diabética é a principal causa de cegueira no adulto, sendo a exploración periódica do fondo de ollo e o control metabólico da diabetes a mellor estratexia para evitar ou atrasar a perda de visión.

As retinografías, son fotografías dixitais da zona posterior da retina do ollo e as imaxes resultantes destas probas quedan rexistradas na historia clínica electrónica (IANUS) de cada paciente desde onde o profesional de medicina de familia realiza a súa valoración inicial. Se o resultado é patolóxico ou dubidoso derívase de maneira telemática ao servizo de Oftalmoloxía de Atención Especializada para o diagnóstico definitivo procedendo a citar ao paciente na consulta hospitalaria se fose preciso.
Os profesionais do centro de saúde encárganse de facer o seguimento do resto de pacientes non derivados a oftalmoloxía polo que o desenvolvemento deste programa conleva unha colaboración permanente entre profesionais dos distintos niveis asistenciais tanto de Atención Primaria como de Atención Hospitalaria.

Artigos relacionados

Back to top button