Preto de 400 cicloturistas gozarona do sterrato percorrendo na xornada deste domingo 21 de abril lugares emblemáticos da Baixa Limia na “Ourense Strade Termal” que levou aos deportistas polos concellos de Muíños, Lobios e cruzaron ata a Cámara Municipal de Montalegre, un ano máis, outorgándolle ese carácter internacional a esta proba, única na provincia de Ourense.
O deputado de Representación Institucional e presidente do Inorde, Rosendo Fernández, participou xunto a outras autoridades, no Balneario Caldaria de Lobios, no corte de cinta que daba a saída á sétima edición deste evento deportivo que conta co apoio da Deputación de Ourense a través do Inorde e da Axencia de Turismo de Galicia.
Trátase da primeira proba que se realiza este ano na provincia de Ourense a través do convenio de colaboración entre o Inorde e a Axencia de Turismo de Galicia que ten como obxectivo a dinamización turística da provincia. A “Ourense Strade Termal” pretende tamén promover a especialización da provincia de Ourense como destino cicloturista cos seus 2.000 quilómetros de estradas pouco transitadas e, polo tanto, máis seguras.
A competición, que está dentro do Calendario Nacional da Real Federación Española de Ciclismo, ofreceu aos participantes dous percorridos: o gran fondo de 110 quilómetros e cun desnivel de 1.800 metros, e un mini fondo de 80 quilómetros con 1.200 metros de desnivel acumulado, dúas distancias con tramos de terra compactada.
Os gañadores do tramo cronometrado de sterrato desta edición foron de primeiro a terceiro lugar na categoría masculina: Jacobo Ucha Rodríguez, Ángel Esmorís Felípez do Club AD Jarnachas, e Ubaldino Rodríguez de Oliveira do Club Máster Poio; e na categoría feminina: Elba Vázquez Rodríguez do C.C. Antelano, Rosa Marques de Academia de Ciclismo Alto Minho, e Patricia Rodríguez Rodríguez de As Pontes Trevinca.