EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Trece expositores amosan calidade agroalimentaria de Ourense no Salón Gourmets 2024, en Madrid

A Deputación de Ourense, a través do Inorde, estará do 22 ao 25 de abril en IFEMA (Madrid) promocionando a provincia como destino enogastronómico de calidade da man de once pequenas empresas e os consellos reguladores de Monterrei e Valdeorras

 

A Deputación de Ourense, a través dunha convocatoria realizada polo Inorde, estará do 22 ao 25 de abril en IFEMA, Madrid, promocionando a provincia no Salón Gourmets 2024 como destino enogastronómico de calidade da man de once pequenas empresas e dos consellos reguladores de Monterrei e Valdeorras. O deputado de Representación Institucional e presidente do Inorde, Rosendo Fernández, visitaba hoxe a caseta da provincia de Ourense en Salón Gourmets para acompañar aos produtores ourensáns na inauguración desta feira.

Ademais, asistía ao taller degustación, organizado xunto con “Cociña Ourense”, que permite exhibir a cociña de raíz usando os produtos locais das empresas ourensás presentes na caseta da provincia. “Desenvolvemos estas actuacións co obxectivo de ofrecer unha plataforma de promoción aos pequenos produtores ourensáns e seguir traballando na proxección da imaxe de destino enogastronómico de calidade”, explicou Rosendo Fernández, quen desexou “moitos éxitos” aos coexpositores deste ano que “son os encargados de lograr que Ourense sexa un referente enogastronómico”.

Taller degustación con “Cociña Ourense”

O taller logrou atraer a decenas de profesionais do sector interesados en coñecer a oferta de produtos de alta gama da provincia de Ourense, así como prensa especializada e bloggers gastronómicos. Nesta ocasión, estiveron aos fogóns cinco representantes de “Cociña Ourense”: Begoña Vázquez -recentemente elixida cociñeira galega do ano-, Alberto Fernández, Samuel Moreno, Gerson Iglesias e Marco Varela.

Os pratos que elaboraron no showcooking foron a base de queixos, porco celta, bica, magret de pato, vinagre do Ribeiro, mel de Aialma, xeado de amorodos con vinagre, burganas con viños de Bioca, SiaH, D.Ou. Monterrei, e Adegas Celme. Agroalimentación e viños As empresas que están na caseta da provincia de Ourense en Salón Gourmets 2024 como coexpositores pertencen a diferentes sectores agroalimentarios.

Nesta ocasión, os viños ourensáns volverán ter un papel destacado da man dos CRDO de Monterrei e Valdeorras, así como das empresas: Adegas Celme de Castrelo de Miño, Bioca de Petín, Montebello Partners de Ourense e Adegas Siah de Leiro. Ademais, está Vinagres do Ribeiro de Beade. No apartado doce estarán Mel Aialma de Laza, A Central Heladera de Ourense, e Burgano Delicatessen de Ourense. Por último, expoñerán os seus queixos gourmet Gaia de Vilar de Santos, as súas conservas e patés gourmet a empresa Mareterra Conservas de Esgos, e os embutidos gourmet elaborados artesanalmente de porco celta de Cienporcel de Cenlle.

Artigos relacionados

Back to top button