SanidadeÚltima hora

Máis de 20 persoas doan o seu tempo e experiencia como voluntarios no hospital

Os novos voluntarios e voluntarias recibiron hoxe información das actividades de humanización que se desenvolven e escoitar as súas propostas de participación

Parte dos voluntarios coa xefa do servizo de Atención ao Paciente e Humanización, Belén Piñeiro (á esquerda).

 

Coincidindo co Día Internacional do voluntariado, o pasado día 5 de decembro, o Servizo de Atención ao Paciente Humanización retomaba o programa de acompañamento nos hospitais e centros de saúde, que hoxe convértese en realidade, grazas a resposta solidaria de máis de vinte persoas, dispostas a doar o seu tempo e experiencia que foron recibidas hoxe no Hospital Universitario de Ourense.

Algúns deles retoman un desexo de participar interrompido pola pandemia, que suspendeu un programa que arrancaba en marzo de 2020. Todos eles, en horario de mañá e tarde para facilitar o seu acceso, recibiron información das distintas iniciativas solidarias en marcha na Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, nas que se poden integrar, así como propoñer outras nas que sintan que poden aportar.

Os voluntarios poden elixir entre unha ampla oferta de actividades, desde acompañamento en programas específicos ou nas actividades lúdicas, que se desenvolven ao longo do ano ou nas específicas de nadal, entroido, etc. Tamén naquelas de participación social, de apoio ou relacional —conversa, paseo ou lectura— desenvolvidas por cada hospital ou centro de saúde.

Como di Belén Piñeiro, xefa do servizo de Atención ao Paciente e Humanización «As horas no hospital fanse moi longas». Trátase de compartir tempo, falando, leendo, escoitando música, paseando… porque subliña “hai moitas necesidades de acompañamento, sobre todo en xente maior».

O programa de voluntariado, xestionado mediante un convenio coa Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia facilita a inscrición dos e das voluntarias, aportando ademais un seguro.

Tecer ou reforzar o tecido social

Para Belén Piñeiro “Dentro das organizacións sanitarias, o voluntariado pode ser unha canle de participación da sociedade na organización de saúde”, dí , “cunha finalidade de mellorar, de dar soporte, calidez e de sumar, co obxectivo claro de facilitar a estadía das persoas nos centros sanitarios”.

As posibilidades de participar son moitas “realizando acompañamentos as persoas que se atopan ingresadas en calquera dos nosos Hospitais, con carencias na rede social” ainda que tamén, resalta, “para dar un relevo e facilitar o descanso do coidador principal ou acompañante”. Trátase tamén de colaborar na realización de actividades lúdicas, que melloren a experiencia da hospitalización, sempre rodeada dunha importante vulnerabilidade.

Unha das claves é romper o illamento dos pacientes ingresados, sen familia ou rede social. Pero tamén colaborar coas familias no acompañamento dos pacientes, e contribuir a dar tranquilidade e apoio aos pacientes ambulantes, que descoñecen o centro ou presentan dificultades para transitar por el.

Bailar, tocar o acordeón ou tan só “estar”

Belén destaca que todo aporta “adaptámonos aos voluntarios e ao que eles desexen compartir, o seu tempo, a súa experiencia nas mais diversas tarefas, a música, a súa língua, o baile, a súa cultura, o seu coñecemento das plantas, o seu maxisterio nas cousas do campo, a súa arte… todo ten acollida e é benvido”, alí onde se precise, ou onde se adapte mellor as posibilidades ou desexos dos e das voluntarias, seu propio centro de saúde, nun servizo concreto do hospital elixido, desde os hortos terapéuticos ou acompañar nunha andaina cardiosaudable.

Inscríbete como voluntaria/o: Programa Acompañamento nos Hospitais e Centros de Saúde

 

Artigos relacionados

Back to top button