A RúaConcellosÚltima horaVídeos

As entradas para a XV Festa do Codillo da Rúa poranse á venda o domingo 21 de xaneiro

Custarán 25 euros e venderanse no Centro Cultural Avenida a partir das 10:30 horas (apertura de portas ás 8h.)

 

A Festa do Codillo da Rúa cumpre este ano a XV edición, un número especial que dende o Concello celebran con varias novidades, no prezo, no menú e no apartado musical.

A presentación da cita gastronómica que se celebrará o sábado 27 de xaneiro, tiña lugar na mañá deste mércores 17 de xaneiro no Salón de Plenos do Concello da Rúa da man da alcaldesa, María González Albert, do tenente de alcaldesa Luis Fernández Gudiña e do concelleiro do grupo de goberno don Vicente Solarat López.

 

 

Sobre o aumento do prezo das entradas que este ano custarán 25 euros, a alcaldesa destacou que estamos nun ano no que “o custe do produto subiu sensiblemente e entendemos que iso ten que repercutir no prezo non nas arcas do concello”; e sobre o menú e a venda de entradas falou o concelleiro. José Vicente Solarat comezou a súa intervención destacando aos homenaxeados deste ano: Ramón García “Moncho Ragar” e Antolín Rodríguez (a título póstumo). “Hai que ser moi novo para non ter unha foto de Ragar e nos 40 anos que levo no Concello, as festas foron animadas a través das orquestras e grupos contratados por Musicales Antolín, o que fixo, xunto coas súas personalidades, que o Concello aprobase por maioría a súa homenaxe”.

 

 

Con respecto ao menú, o tradicional (consomé con picatostes, codillo acompañado de grelos, chourizos e cachelos, bica, bebidas, café e licores) incorpora este ano sorbete de limón ao cava de Almendralejo e La Torta. Como edicións anteriores irá acompañado dunha “táboa musical de repetición que pretendemos que combine cos pratos ao tempo que saen os camareiros”, dixo Solarat.

O apartado musical contará con animación da Charanga Unión Phenosa e Danzalia Disco Show; Cantos de Taberna con Abertal (A Rúa), Pándega (Valdeorras), Os Parrandas (Córgomo), Os Recantos (Quiroga), Candaira (Castrelo de Val), As Travesas (A Mezquita) e Taboucas (Amoeiro), e este ano unha novidade “pechando a edición do Codillo cun espectáculo para repousalo ao día seguinte”. O domingo 25 de xaneiro ás 18 horas haberá unha actuación musical de Soulful Voices, grupo de Madrid que interpreta soul, blues e gospel.

 

 

Á festa acudirá un ano máis unha representación de Almendralejo e haberá unha recepción no Concello antes do acto no Centro Cultural Avenida (12 horas) no que se entregarán os recoñecemenos ás persoas homenaxeadas como paso previo á Festa do Codillo en si. “Neste ámbito de celebración dos XV anos parécenos oportuno que o acto esté acompañado pola rondalla Trovadores de Ares que tamén queren vir ao xantar, e que actuarán antes e despois”, explicou Luis Fernández Gudiña.

 

 

Con respecto á venda de entradas (15 máximo por persoa), será o domingo 21 de xaneiro no Centro Cultural Avenida. Abrirán as portas ás 8 da mañá para dar tickets por orde de chegada e ás 10:30 horas abrirase a venda en si. Sacarán 1.000 entradas e tendo en conta as de protocolo prepararán 1.150 servizos.

Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella. 

Artigos relacionados

Back to top button