
Petín prepárase para unha nova edición da súa Festa da Freba que se celebrará o sábado 9 de decembro a partir das 14:30 horas. As entradas (18 euros) poranse á venda o vindeiro luns 20 de novembro nas oficinas do Concello de Petín en horario de 9 a 14 horas. Poderase reservar mesa a partir de seis persoas.
O menú do xantar mantense coma sempre: de primeiro, consomé con picatostes e ovo cocido; de segundo, chourizo cocido con cachelos; e como prato forte, as frebas de porco á grella (ademais de viño, postre, licores e café). Tamén haberá unha homenaxe e música.