CulturaCulturaÚltima hora

As estruturas etnográficas de Casaio e Lardeira (Carballeda de Valdeorras) serán investigadas

O grupo Sputnik Labrego iniciará en breve unha nova campaña arqueolóxica na zona

Alvarizas tradicionais en Casaio (Carballeda de Valdeorras)./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Dende o próximo luns e durante dúas semanas, o equipo de investigadores de Sputnik Labrego regresará aos montes de Casaio e Lardeira (Carballeda de Valdeorras) para realizar unha nova campaña de traballos arqueolóxicos. Nesta ocasión, centráranse nas numerosas estruturas etnográficas que se atopan neste territorio.

“Trátase dun patrimonio que non adoita centrar a atención das investigacións arqueolóxicas, malia que son fundamentais para entender a historia dos últimos séculos e o papel que as sociedades labregas xogaron no pasado recente”, di Carlos Tejerizo, director da intervención. Colmeares para a xestión da mel e da cera, estruturas para o gando local e tamén vencelladas cos camiños usados pola gandería de longo percorrido que viña dende Estremadura ou os despoboados máis recentes serán algúns dos sitios obxecto de estudo destes investigadores.

“Durante anos documentamos unha grande cantidade destas estruturas ao longo dos montes de Pena Trevinca e agora temos que traballar a fondo sobre elas. O obxectivo é tentar datalas, saber cando foron construídas e a súa transformación ao longo do tempo. Entender a súa historia dentro dun proceso de longo percorrido que chega ata os nosos días”, continúa Tejerizo. “Grazas á documentación escrita temos unha información moi rica sobre a economía labrega preindustrial. Desde a arqueoloxía podemos aportar tamén unha visión moi complexa sobre a xestión das paisaxes en época medieval e moderna e ademais pór en valor este patrimonio esquecido”.

Esta campaña de escavacións é parte dun proxecto financiado pola Comisión Europea cuxo obxectivo é analizar o impacto da industrialización en Valdeorras e que deu comezo no ano 2021. Dende Sputnik Labrego esperan que un dos resultados deste proxecto sexa a valorización deste tipo de patrimonio.

Artigos relacionados

Back to top button