O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, vén de anunciar hoxe que todas as familias galegas con nenos de 5 a 11 anos disporán a partir da vindeira semana dun test gratuíto nas farmacias, que se complementará cunha PCR de contraste no caso de que dea positivo.
En resposta ás preguntas dos grupos no Pleno da Cámara, Feijóo afirmou que o Goberno galego seguirá traballando e incidindo na necesidade de seguir alerta e de “non relaxarse nas medidas de protección como: máscara en interiores, manter a distancia de seguridade, hixiene e ventilación ou tests e seguimento de contactos”. Ademais de “estender a obrigatoriedade do certificado covid a ximnasios, residencias de maiores e hospitais de día”.
Citacións para vacinarse
Logo de confirmar que a Administración autonómica remitirá ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia a petición do certificado covid tamén para asistir a eventos masivos en interior e a cines, o titular do Goberno galego anunciou, en relación coa estratexia de vacinación, o adianto da finalización das citacións para a dose de reforzo a persoas de entre 60 e 70 anos ao día 13 de decembro; e a mediados da semana que vén comezarase a citar aos nenos de entre 11 e 9 anos.
Así mesmo, afirmou que o Subcomité Clínico abordará na súa próxima reunión, e de acordo co seu protocolo, a recomendación de diminuír o número de persoas nas ceas e comidas no Nadal.
O presidente da Xunta concluíu lamentando que Galicia non poida dispoñer das vacinas suficientes para poder subministrarllas a todos os nenos no mes de Nadal, co fin de volver das vacacións con todos eles vacinados.