SanidadeÚltima hora

As farmacias da provincia dispensarán test de antíxenos con supervisión

A poboación diana desta iniciativa é a comprendida entre os 13 e os 35 anos (ambas inclusive), que non teñan unha pauta completa de vacinación, segundo o COFO

 

Do mesmo xeito que outros colexios de farmacéuticos de Galicia, o Colexio Oficial de Farmacéuticos de Ourense (COFO) asinou un protocolo co Sergas en virtude do cal se dispensasarán nas oficinas de farmacia da provincia test de autodiagnóstico de antíxeno Sars‐ CoV2 con supervisión da toma de mostra, procesado de mostra e comunicación de resultados ao Sergas.

A adhesión ao protocolo será voluntaria por parte das oficinas de farmacia e o servizo se incluirá dentro dos programas de colaboración previstos no concerto para a prestación farmacéutica por parte das oficinas de farmacia, e será remunerado polo Sergas, segundo se informa dende o COFO. “Desta forma, colaboraremos máis activamente coas administracións sanitarias na contención dos contaxios”, afirma Santiago Leis Vence, presidente do COFO.

O acordo alcanzado coa Consellería de Sanidade para poder acompañar aos usuarios na realización de autotest de antíxenos na oficina de farmacia, coa posibilidade de comunicar o resultado do devandito test validándoo por parte do farmacéutico “evidencia o activo papel que os farmacéuticos podemos ter na loita contra a pandemia, como profesionais sanitarios que somos”, sinala Leis Vence.

A poboación diana desta iniciativa é a comprendida entre os 13 e os 35 anos (ambas inclusive), que non teñan unha pauta completa de vacinación. Os farmacéuticos encargaranse de acompañar e supervisar á persoa que solicite un test durante a realización da proba para asegurar unha adecuada toma da mostra e unha correcta realización do test.

Deste xeito, garántese a adecuada identificación da persoa que realiza a proba e unha correcta trazabilidade dos resultados. Finalmente, desde a oficina de farmacia comunicarase o resultado ao Sergas a través dunha aplicación habilitada para o efecto. Os datos que se comunicarán son, por unha banda, os das persoas usuarias que se someteron á proba e, polo outro, información detallada de datos das persoas usuarias cuxo resultado fose positivo.

As oficinas de farmacia poderán confirmar a súa solicitude de adhesión ao programa de test de detección do Covid‐19, a través do espazo habilitado na web colexial.

Artigos relacionados

Back to top button