OurenseÚltima hora

As Forzas e Corpos de Seguridade intensificarán os controis o 1 de maio para evitar desprazamentos a segundas residencias

Ademais os controis estenderanse durante "toda a fin de semana", tal e como anuncia o subdelegado do Goberno en Ourense

A Garda Civil durante a realización dun control no centro do Barco.

 

A Garda Civil, a Policía Nacional e as Policías Locais intensificarán os dispositivos para evitar desprazamentos a segundas vivendas ou zonas de ocio con motivo da festividade do 1 de maio e que os mesmos se estenderán durante toda a fin de semana.

Así o vén de anunciar o subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González Afonso, tras a reunión do Centro de Coordinación Operativa provincial celebrada na Subdelegación do Goberno. Neste sentido, resaltou a importancia de “non relaxar as normas de comportamento establecidas para conter o virus do COVID-19”.

Ademais González Afonso insistiu na importancia de que os ourensáns continúen, como ata agora, a facer o esforzo de cumprir as normas establecidas polo Goberno e apelou á “unidade para loitar contra a pandemia, facendo un chamamento para cumprir as restricións de mobilidade de cara aos vindeiros días, coincidindo coa festividade deste venres e coas primeiras medidas adoptadas para o paseo dos menores de 14 anos”.

Amosaba así mesmo o seu agradecemento pola comprensión da inmensa maioría da cidadanía, incidindo en que “na provincia de Ourense se observa un elevado grao de cumprimento das medidas establecidas para evitar a propagación do coronavirus. A pesar do descenso no número de afectados, lembrou que aínda queda moita loita contra o virus COVID-19 e que non é posible baixar a garda para que non sexa preciso dar pasos atrás”.

O subdelegado do Goberno insistiu na necesidade de cumprir a normativa e facer caso ás indicacións das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, agradecendo o esforzo e a labor que están a realizar durante estes días difíciles e complicados.

Artigos relacionados

Back to top button