Máscaras de diferentes lugares de Galicia, así como doutros puntos da península e mesmo de Italia enchían de ritualidade, ritmos e danzas as rúas de Viana do Bolo. Unhas 40 festas de inverno participaban nesta vila no VI Festival Internacional ViBoMask Mascarada Ibérica a partir das 16:30h. deste sábado 11 de xaneiro.
Numerosas persoas seguían o percorrido deste longo desfile que se iniciaba no Toural e finalizaba na praza Maior, onde estaba instalada dende a mañá unha mostra de artesanía e de produtos gastronómicos da comarca.
O desfile abríao o intenso ritmo da Asociación Xuntos polo Fulión de Vilariño de Conso, acompañada polos saltos e as danzas dos seus Boteiros. A continuación podían verse diversos fulións vianeses (os Fulións Rurais, o das Carrelas, o Fulión Alternativo e o de Cabo da Vila), ademais dos fulións de Buxán (O Bolo), da Mourela p’acá (Manzaneda), do Touro e o Xigante de Celavente, o Entroido da Veiga (con máscaras como os Charrelos, o Boi e a Morte), as Madamitas de Entrimo, os Follateiros de Lobios, os Felos de Maceda, os Felos e as Madamas de Esgos, as Bonitas de Sande, os Galos de San Pedro da Mezquita (A Merca), as Pantallas de Xinzo de Limia, os Peliqueiros e Parranfóns de Campobecerros (Castrelo do Val) ou os Verrallóns de Riós.
Participan ademais Entroidos doutras provincias galegas como o Entroido Ribeirao (Santiago de Arriba, Chantada), o Oso de Salcedo (A Pobra do Brollón), o Entroido de Samede (Paderne, A Coruña), os Merdeiros de Vigo, as Madamas e galáns de Cobres (Vilaboa, Pontevedra) e os Xenerais da Ulla (concellos da comarca da Ulla, A Coruña), pechando xa o desfile.
Había así mesmo mascaradas de inverno como a Vijanera (Silió, Cantabria) e Entroidos doutras partes da península como o Antruejo de Carrizo de La Ribera (León), o Atenazador (San Vicente de la Cabeza, Zamora), as Mázcaras e Madamas de Pombriego (León), as Talanqueiras e Visparras de San Martín de Castañeda (Galende, Zamora), os Diablos e Mascaritas de Luzón (Guadalaxara), o Carnaval de Abanto (Biscaia) e os Caretos de Bragança e de Lazarim (Portugal).
Nova cita o domingo 12 de xaneiro en Vilariño de Conso
Este festival internacional, o máis grande de mascaradas que se celebra na península, continuará mañá domingo 12 de xaneiro, desta volta na veciña vila de Vilariño de Conso. O desfile comezará a partir das 11:30h.
Fotos: Carlos G. Hervella.
Máis fotos:
https://osil.info/multitudinaria-mascarada-internacional-en-viana-do-bolo/
Vídeos:
https://osil.info/videos-do-vi-festival-internacional-vibomask-mascarada-iberica-en-viana-do-bolo/