OurenseÚltima hora

As máscaras de teatro de Basallo e Quessada, pezas do mes do Museo Arqueolóxico de Ourense

A súa presentación está prevista para o mércores 11 de decembro ás 20h. na sala da exposición “Escolma de Escultura” en San Francisco (Ourense)

 

Foron pensadas e creadas para o escenario, pero nunca chegaron a subirse a el. En 1975 José Manuel Blanco Gil, director e actor da Agrupación de Teatro Independente Histrión 70, encargáballe ao artista Xaime Quessada unhas máscaras para unha nova montaxe teatral que estaba a preparar: “Retablo da Avaricia, a Luxuria e a Morte” de Valle Inclán. Nese momento, Quessada estaba co escultor Ignacio Basallo, e tras ler a obra, realizaban varias máscaras inspirándose nos diferentes personaxes.

O traballo da montaxe avanzaba ata que tropezou coa censura, que impediu que a obra chegase a estrearse. “Quedaron as máscaras baleiras de sentido, pero a súa impactante forza de forma e cor, o variado dos materiais e a mestría coa que foron creadas propicia unha exposición no Ateneo ourensán no nadal dese ano. Como queira que os autores non cobraron nada pola súa obra, acordaron que se depositaran nalgunha institución cultural. Tres delas foron entregadas no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense por Blanco Gil, outra quedou en mans de Basallo e do resto descoñecemos o seu destino”, tal e como recolle a investigadora María del Pilar Núñez Sánchez nun traballo realizado para este museo ourensán, que vén de escoller as tres máscaras que ten nos seus fondos como pezas do mes de decembro.

A presentación destas pezas terá lugar o mércores 11 de decembro ás 20h. na sala da exposición “Escolma de Escultura” en San Francisco (Ourense), cunha intervención que correrá a cargo de María del Pilar Núñez Sánchez.

A estrutura das tres máscaras conservadas polo museo foi realizada por Basallo e a pintura é obra de Quessada. Están feitas con diferentes materiais (madeira, papel de periódico e cartón). Nelas os dous artistas captan a esencia da obra, “a dor, o delirio da luxuria e a avaricia, que sempre conducen á morte e nolo transmiten plasticamente”, en palabras de María Pilar Núñez, quen resalta que a traves destas tres máscaras “lembramos a súa memoria pois as tres disciplinas (pintura, escultura e teatro) se conxugaron para crear arte”.

Fotos: Fernando del Río.

 

Artigos relacionados

Back to top button