CulturaCulturaEn portadaGalerías de fotosÚltima hora

As máscaras fanse donas de Viana do Bolo

Máis de corenta celebracións de inverno desfilaban na tarde do 26 de xaneiro pola vila con motivo da V Mascarada Ibérica

Dende o Toural ata a praza Maior. Numerosas persoas agardaban ao longo deste percorrido por Viana para asistir ao desfile da V Mascarada Ibérica que se iniciaba ás catro e media da tarde deste sábado 26 de xaneiro. Un desfile que abrían os Boteiros da Asociación Xuntos polo Fulión de Vilariño de Conso e no que podían verse unhas 40 celebracións de inverno da península ibérica, cuns 800 participantes.

Entre elas non faltaban Entroidos tradicionais do oriente ourensán. Así, ademais do xa citado folión de Vilariño, estaban catro folións de Viana (Folións Rurais, As Carrelas, Alternativo e o de Cabo da Vila), o de Mormentelos (Vilariño de Conso), o Fulión da Mourela p’acá de Manzaneda, o Fulión de Buxán ou o Touro e o Xigante de Celavente (ambos do Bolo).

Outros Entroidos da provincia presentes eran os Galos de San Pedro (A Mezquita), as Bonitas de Sande, os Troteiros de Bande, os Felos de Maceda, as Pantallas de Xinzo de Limia, os Cigarróns de Verín, Os Peliqueiros e o Parranfón de Campobecerros (Castrelo do Val).

Había asemade diversos Entroidos das outras tres provincias galegas, entre eles e, como novidade, o Oso de Salcedo (Pobra do Brollón, Lugo) cos seus criados ou o Entroido de Samede (A Coruña). Acudían tamén festas de inverno doutros puntos de España como León, Asturias, Cantabria, Guadalaxara ou Zamora (A Talanqueira e a Visparra de San Martín de Castañeda-Sanabria, o Atenazador de San Vicente da Cabeza); así como do norte de Portugal (entre elas, os Caretos de Lazarim e de Parada). E, por vez primeira, estaba representada a comunidade de Estremadura a través da figura do Jarramplás.

Pasadas as sete da tarde, o último dos grupos participantes, o dos Xenerais da Ulla, chegaba a cabalo a unha praza Maior ateigada de xente e, como broche da Mascarada, iniciaban varios atranques en verso. Despois, os grupos volvían reunirse ás nove e media no pavillón polideportivo vianés para desfrutar dunha cea ofrecida pola organización.

Mañá, 27 de xaneiro, a Mascarada Ibérica continuará cun novo desfile, pero desta volta en Vilariño de Conso a partires das once e media da mañá. Esta V Mascarada Ibérica está sendo organizada polos Concellos de Viana do Bolo e de Vilariño de Conso, pola Comisión do Entroido 2019 de Viana e pola Asociación Xuntos polo Fulión de Vilariño en colaboración coa SAGA e a Asociación de Mulleres Rurais de Viana.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Máis información e fotos:
https://osil.info/vilarino-de-conso-acolle-unha-intensa-segunda-xornada-da-v-mascarada-iberica/
 

Artigos relacionados

Back to top button