CulturaCulturaEn portadaGalerías de fotosÚltima hora

Vilariño de Conso acolle unha intensa segunda xornada da V Mascarada Ibérica

O desfile, que concluía xunto ao Concello, abríano os Folións Rurais de Viana do Bolo. Tras eles podía verse a uns 40 rituais de inverno de diferentes puntos da península

Con bombos, gaitas, gadañas e moitas moitas figuras enmascaradas de diferentes celebracións de inverno da península escorrentábase o frío e a auga na mañá do 27 de xaneiro en Vilariño de Conso. Esta vila acollía a segunda xornada da V Mascarada Ibérica, coa participación dunhas 42 tradicións de diferentes comunidades autónomas españolas e tamén do norte de Portugal.

Este conxunto de rituais cobraban vida a partires do mediodía nun desfile que partía dende o Toural e que, tras pasar pola praza, concluía nas proximidades do Concello de Vilariño. A comitiva abríase co potente son e cos Boteiros dos Folións Rurais de Viana. A partir de aí podían verse diferentes manifestacións de Entroido como outros tres folións de Viana (As Carrelas, Alternativo e o de Cabo da Vila), o de Mormentelos e a Asociación Xuntos polo Fulión (Vilariño de Conso), o Fulión da Mourela p’acá de Manzaneda, o Fulión de Buxán ou o Touro e o Xigante de Celavente (ambos do Bolo).

 

Boteiros vianeses./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Tamén percorrían a vila os elegantes Galos de San Pedro (A Mezquita), as Madamitas de Entrimo, os Vellaróns do Ríos, as Bonitas de Sande, os Troteiros de Bande, os Felos de Maceda, as Pantallas de Xinzo de Limia, os Cigarróns de Verín, Os Peliqueiros e o Parranfón de Campobecerros (Castrelo do Val). Había asemade diversos Entroidos das outras tres provincias galegas, entre eles o Oso de Salcedo (Pobra do Brollón, Lugo) cos seus criados e os Volantes de Santiago de Arriba (Chantada) ou os Entroidos de Samede e o de Santiaguiños (A Coruña).

 

Jarramplas (Cáceres)./ Foto: Carlos G. Hervella.

Acudían tamén festas de inverno doutros puntos de España como León, Asturias, Cantabria, Guadalaxara ou Zamora (A Talanqueira e a Visparra de San Martín de Castañeda-Sanabria, o Atenazador de San Vicente da Cabeza) e de Estremadura a través da figura do Jarramplás. O desfile pechábano máscaras do norte de Portugal, en concreto, os Caretos de Lazarim e de Parada.

En torno ás dúas da tarde, os grupos volvían a reunirse, desta volta no pavillón de Vilariño de Conso, para desfrutar dun xantar ofrecido pola organizado e servido por Mantesil. Esta quinta e exitosa Mascarada Ibérica ten sido organizada polos Concellos de Viana do Bolo e de Vilariño de Conso, pola Comisión do Entroido 2019 de Viana e pola Asociación Xuntos polo Fulión de Vilariño en colaboración coa SAGA e a Asociación de Mulleres Rurais de Viana.

Fotos: Carlos G. Hervella.
Máis información e fotos:
https://osil.info/as-mascaras-fanse-donas-de-viana-do-bolo/

Cigarróns (Verín)./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Mázcara de Buxán (O Bolo)./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Pantalla (Xinzo de Limia)./ Foto: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button