Coa “Xota de lira” concluía no Patio de Santa Leonor de Trives na noite do 17 de agosto un concerto moi especial e emocionante. Os irmáns Álvarez, naturais desta vila e criados en Manzaneda, actuaban na casa xunto a Xabier Álvarez e as Adufeiras de Salitre nun concerto que supoñía ademais a presentación na provincia de Ourense do seu segundo disco “Noró, algunhas músicais do norte”.
Neste último tema, subíanse ademais ao escenario as Macizas Centrais para poñer o broche a máis de hora e media de música tradicional na que se facía un repaso por pezas e danzas do primeiro disco deste grupo de músicos, “The Tambourine Man”, e tamén polo segundo. Facían cantar e bailar ao público co “Pasodobre das Costureiras” (cun concurso de baile incluído no que Manolo Durán e a súa dona, chegados dende A Rúa, ganaban un disco) ou con “O baile de Noró”.
Outro dos momentos máis especiais da noite chegaba con “Unha fala e un cantar”, unha canción incluída en Noró na que, como dicía Javier Álvarez presentándoa, faise un “guiño ao toque do fulión de Manzaneda”, e na que se subían ao escenario dúas Mázcaras do Entroido deste concello ourensán, Rubén Hervella e Franc.
Era unha noite ademais chea de agradecementos, entre eles ao Concello de Trives por apostar pola música popular nun concerto ademais que reunía a máis de 400 persoas (a meirande parte delas de Trives e Manzaneda), pero tamén a xente como Reme e aos pais de Javier e Gutier Álvarez, Ricardo e Lina, aos que Díaz lles adicaba precisamente “Xota de Lira”.
Fotos: Carlos G. Hervella/ A.R.