Coa tradicional petición de permiso en verso (desta volta solicitada polo Fulión de San Martiño) e co plácet do representante de Manzaneda, daba comezo pasadas ás once e media da mañá deste 5 de marzo o desfile de folións que se celebraba cada Martes de Entroido en Manzaneda.
Soaban as cornas e, tras delas, os bombos, sachos e aixadas e comezaba unha longa ronda pola vila, con visitas á residencia da terceira idade, que concluía arredor das dúas xunto ao polideportivo. Tras o fulión de San Martiño, viñan o dos Labregos e o da Caniceira (Trives), logo o de Langullo-Parroquia de Cesuris (Manzaneda), As Maceiras e A Lardeira (Trives), o da Mourela p’acá (Manzaneda) e, finalmente, pechando a comitiva, o da Asociación Xuntos polo Fulión de Vilariño de Conso.
Durante o percorrido contábase cun operativo de Protección Civil no que participaban voluntarios da agrupación de Manzaneda, da Rúa e de Petín.
Esta sonora e colorista comitiva tradicional daba paso a partir das dúas a un xantar popular organizado polo Concello de Manzaneda no polideportivo coa asistencia dunhas mil persoas. O xantar era servido por Mantesil e o seu menú incluía empanada, chourizos e carne ao caldeiro con cachelos, xunto con bebidas e bica na sobremesa.
Fotos: Ángeles Rodríguez